Un sesenta colectivos galegos do ámbito ecoloxista, sindical, veciñal e cultural, xunto con plataformas veciñais e de comunidades de montes afectadas por parques eólicos en Galicia, lanzan o manifesto Aldeas con Horizonte, co que demandan unha "moratoria" para os novos proxectos, que se revisen os que están aprobados nos que exista un conflicto social e/ou ambiental e que se elabore un novo marco normativo en materia eólica para conseguir un "modelo de implantación desta enerxía máis ordenado, sostible, social, participativo, xusto e racional".

Agora mesmo están en trámite arredor de oitenta proxectos eólicos na comunidade galega (a través da Consellería de Industria ou do Goberno central).

Os colectivos asinantes pretenden con esta acción "alertar sobre a ameaza que está a supoñer para o rural galego a actual implantación de parques eólicos", un modelo "depredador e abusivo" coas comunidades locais, e no que se desatende a normativa ambiental, patrimonial e paisaxística.

Ëste manifesto segue aberto a novas adhesións de entidades e colectivos, e próximamente tamén se abrirá a persoas particulares a través dunha petición na plataforma Change.org, dirixida ao presidente da Xunta e ao vicepresidente segundo e conselleiro de Industria.

A esta iniciativa sumáronse entidades como Rede Galega por un Rural Vivo,creada a comezos de ano e que integra plataformas veciñais de 16 municipios de Compostela e Barbanza; Adega, Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción Galiza, Federación Rural Galega, Grupo Naturalista Hábitat,Plataforma na Defensa do Monte Neme, Salvemos a Comarca de Ordes, Verdegaia, Sindicato Labrego Galego, a Sociedade Galega de Ornitoloxía, Asociación Cultural Libre de Paderne Roxín Roxal, Asociación Salvemos Cabana ou a Asociación Galega Cova Crega, Asociación Veciñal, Cultural, Deportiva e Recreativa do Barrio da Agra do Orzán da Coruña, entre outros.