Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Traballo, igualdade e salarios dignos, lema de CIG na marcha do 8-M

A central sindical galega denuncia que no ano 2023 a fenda salarial en Galicia situouse no 18,4%, o que implica que, "de media, unha muller ingresou 4.687 euros brutos anuais menos que un home"

8-M A Coruña: CIG clama na rúa por 'Traballo, igualdade e salarios dignos'

Carlos Pardellas

Centos de cidadáns acudiron hoxe na Coruña á marcha convocada pola secretaría das Mulleres da CIG co gallo do Día Internacional das Mulleres Traballadoras, para reclamar "traballo, igualdade e salarios dignos". Denuncia a central sindical que "a pesar da evolución en materia de dereitos formais, o certo é que a lexislación en igualdade non serviu para reducir e eliminar a fenda salarial, garantir unha valoración xusta dos traballos feminizados, nin unhas retribucións iguais para traballos de igual valor".      

Para esta xornada, a CIG convocou un total de 13 mobilizacións en toda Galiza, que se realizarán de xeito simultáneo este mediodía, a partires das 12.00 horas, na Coruña e en Ferrol, Carballo, As Pontes, Cee, Santiago de Compostela, Lugo, Burela, Vigo, A Guarda, Cangas, Pontevedra e Ourense.

Peores contratos e desvalorización dos traballos feminizados

Expón a CIG que no ano 2023 a fenda salarial en Galicia situouse no 18,4%, o que implica que, "de media, unha muller ingresou 4.687€ brutos anuais menos que un home". Os datos evidencian, para CIG, que o 10,7% sobre o 18,4% da fenda, se orixina na temporalidade e a parcialidade que caracterizan a contratación dos traballos que desempeñan as mulleres.

Tamén denuncia a central galega que "estas formas de contratación precaria, lonxe de diminuír coa última reforma laboral, van en aumento" e engaden que "se as mulleres traballasen a tempo completo e durante todo o ano, a diferenza de salario entre mulleres e homes situaríase no 7,7%, segundo os datos da Axencia tributaria", segundo apunto a secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro.

Á temporalidade, baixo a forma agora das fixas descontinuas, e á parcialidade, hai que engadir a desvalorización dos traballos feminizados, nomeadamente os de coidados, a pesar de seren esenciais, e que as mulleres son quen maior uso fan dos dereitos de conciliación.

Tracking Pixel Contents