O futuro da eólica galega seguirá a pegada do parque Mondigo
Recursos de Galicia, sociedade pioneira en España impulsada pola Xunta, porá en práctica a súa política de reversión do beneficio no territorio a través do seu primeiro parque eólico

O parque eólico de Mondigo aséntase en municipios da Mariña lucense. / Envato
B. C.
A nova política eólica galega comeza na Mariña lucense. O parque eólico de Mondigo, ubicado nos municipios de Ribadeo, Trabada e Barreiros, é o primeiro da comunidade adquirido por Recursos de Galicia (RDG), sociedade público-privada cuxo accionista maioritario é a Xunta.
Deste xeito, as instalacións encarnarán os principios do futuro modelo de xestión enerxética da nosa comunidade, asentado sobre catro puntos principais: descontos directos na factura eléctrica para a veciñanza dos parques; democratización dos PPA (acordos de compra de enerxía entre produtores de enerxía renovale e consumidores ou comercializadoras); incorporación do interese local a través do diálogo constante cos veciños e os concellos e da apertura da propiedade dos parques á súa participación directa; e, por último, a repercusión do 100% da enerxía producida en Galicia no propio territorio.
Descontos en enerxía
Todas estas novidades foron adiantadas nos últimos meses, pero o vindeiro día 19 de maio explicaranse de forma directa nunha reunión aos alcaldes e empresarios dos municipios onde se asenta o parque eólico Mondigo (Ribadeo, Trabada e Barreiros; os tres na Mariña de Lugo). Participarán no encontro representantes da Xunta e de RDG.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzaba a finais de abril que xa se está traballando en activar os descontos que recibirán os fogares máis próximos a Mondigo, englobados baixo o nome ‘Mondigo Beneficia’. Concretamente, ao redor de 500 fogares poderán gozar dun 80% de desconto no seu consumo de electricidade. A veciñanza da área de influenciada do parque foi informada mediante o envío dunha carta directa e tamén se habilitou a páxina web rdgmondigo.gal para consultar todos os detalles e tramitar a rebaixa na factura.
Así mesmo, estase a comezar o deseño dun plan industrial para estender as bonificacións ás empresas locais. «Se queremos que haxa industria nun territorio temos que saber crear as condicións, a industria non chega por casualidade, faino porque hai unha política económica clara», asegura Lorenzana.
«Se queremos que haxa industria nun territorio temos que saber crear as condicións»
Recursos de Galicia (RDG) mercou o parque eólico de Mondigo a Sinia Renovables, a filial 100% de Banco Sabadell, en febreiro deste ano. A operación de compravenda pechouse por 75 millóns de euros. É un proxecto de nova execución, que comezou a finais de 2025 a producir electricidade.
O parque consta de 11 muíños que totalizan 49,5 MW de potencia instalada e está previsto que anualmente xere uns 131 GWh. Grazas a este investimento, nun escenario de bloqueo xudicial do sector, RDG faise así coa metade da renovable instalada en Galicia o ano pasado. A propiedade do parque, á que tamén aspiraba capital foráneo, queda por tanto na comunidade autónoma.
Neste eido, RDG abriu a propiedade do parque eólico aos concellos nos que este se empraza (Ribadeo e Trabada), así como ao de Barreiros, polo que discorre a liña de evacuación das instalacións. No seu conxunto, os concellos poderán incorporar ata un 10% do accionariado da sociedade do parque. «En Mondigo aplicaremos a nosa política de reversión do beneficio no territorio e nas persoas», afirma Emilio Bruquetas, conselleiro delegado de RDG.
Xestión dos recursos
RDG é unha sociedade pioneira en España creada para descarbonizar a economía, reforzar a autonomía enerxética, promover prezos competitivos e impulsar a relación enerxía-industria-sociedade, garantindo beneficios para o territorio e a cidadanía. En síntese, busca un desenvolvemento enerxético equitativo que impulse o progreso de Galicia. Así o di o seu lema: «Os nosos recursos, ao noso servizo».
Trátase dunha compañía representativa da sociedade galega e exemplifica a colaboración entre as esferas pública e privada que preconiza a Comisión Europea. Esta condición robustece a empresa, á vez que lle confire a transversalidade que a converte nun proxecto de país. A Xunta de Galicia é o principal accionista.
A parte privada está integrada actualmente por 32 empresas de toda clase que sosteñen máis de 21.000 empregos directos e achegan anualmente un 14 % do produto interior bruto de Galicia.
Este accionariado compóñeno Abanca; Martabela, unha sociedade vehículo de Megasa e Finsa; Invernatur, outra spv de Copasa, Valtalia e Gesuga; Cabicastro, outra spv de Grupo Nogar, Grupo Pérez Rumbao, Conservas Rianxeira, Lucasiñas e Grupo Revi; Gadisa; Exlabesa; ARP Global; Ain Active; Wind1000; Ence Terra; Iniciativa Patrimonio Natural de Galicia, unha spv de Grupo Intaf, Genesal, Industrial Recense, Mecanizados Acebrón, Cover Global, Edigal, Tecdesoft, Ertec Iberia, Integria Enerxía Empresas Eurozona, Sertogal e Twinleads, todos socios de Cluergal; Grupo Servicio Móvil; Cerámica Campo; Aceites Abril; e Megaro Foods.
- El asador de Lugo que conquistó el polígono de Sabón con su chuletón: 'Solo ofrecemos producto de calidad
- Revuelo en el negocio inmobiliario de Os Mallos, en A Coruña, por la futura intermodal: 'Hay interés de invertir en alquiler de temporada y habitaciones
- El Deportivo, pendiente de fichajes con Teun Gijselhart a la cabeza: cuatro años de contrato
- La número dos de la Fiscalía gallega vuelve a casa tras 28 años: “La Fiscalía es esencial para defender la legalidad”
- El Puerto de A Coruña tiende la mano al de Ferrol: pone 'a su disposición' sus muelles para apoyar el desembarco de la fábrica de coches de SAIC
- Cierra el Copacabana de A Coruña para celebrar sus 70 años por anticipado
- El Gobierno confirma a Coventina como adjudicataria definitiva del nudo de Meirama para la central reversible de As Encrobas
- El Leyma Coruña celebra en el Ayuntamiento su regreso a la Liga ACB: 'El ascenso está muy bien, pero queremos más