-Renunciou a ser concelleira en 2015. Por que acepta agora ir de número catro ao Parlamento galego?

-A militancia da comarca da Coruña propuxo o meu nome e cando ves que tes a confianza dos compañeiros é imposible dicir que non. As nacionalistas somos así, onde nos poñen, traballamos con todo.

-Por que debería o votante de esquerdas votar polo BNG e non por PSdeG ou En Marea?

-Porque para botar ao PP sempre estivemos aí, sen excusa de ningún tipo, nas deputacións, nos concellos? Iso non o poden dicir outros, porque, se así fose, non teríamos unhas segundas eleccións nin estaríamos agora dubidando sobre se teremos unhas terceiras. Para botar ao PP, aí estará o Bloque.

-E no programático?

-Nós cremos que o que nos levou á pobreza foi este capitalismo salvaxe, e é algo que compartimos con outras forzas, pero nos distingue o feito de que pensamos que a Constitución e o Estatuto son un corsé de ferro que nos impiden medrar. Para crear emprego e atraer industrias cremos fundamental ter unha tarifa eléctrica galega, que rebaixe o custe da electricidade.O lóxico é que se producimos a electricidade non teñamos que pagar o transporte. Iso só o pedimos nós.

-No seu programa falan de aumentar o investimento en educación, sanidade, innovación... De onde van sacar o diñeiro?

-Cando dicimos iso, non é unha carta aos Reis Magos. Nós dicimos de onde imos sacar os cartos. No ano 2014 o Estado recaudou aquí algo máis de 11.000 millóns de euros e devolveu algo máis de 7.000 millóns. O Estado quédase con 4.000 millóns de impostos nosos. Queremos ser quen recademos todos os nosos impostos. Que paguemos a sanidade, a educación e os servicios primarios primeiro e despois, co que nos sobre, dárllelo ao Estado. Nós somos un país rico e creo que temos recursos. Hai inxustizas, como a que acontece co imposto de Sociedades. O que paga Inditex pasa de 450 millons de euros e Galicia non ve nada diso. Iso vai todo para o Estado. Necesitamos un concerto fiscal, como o do País Vasco, cunha Facenda Galega, que responda ás necesidades de aquí.

-Vostede é orientadora nun centro de ensino público da Coruña. Como percibiu os recortes en educación que denuncia?

-Levo moito tempo traballando, estiven en barrios obreiros de Barcelona hai moito tempo, pero só aquí atopei nais chorando por non poder pagar os libros. Durante o goberno bipartito instaurárase un sistema de préstamo de libros que funcionaba case ao 100%. Digo "case" porque en moitos colexios de infantil e primaria si que é certo que, ao non ter persoal administrativo, supuña unha carga para as direccións moi importante. Chega o PP e decide que non, que ese sistema se acaba e que entón moitas familias con poucos recursos teñen que pagar os libros. Iso é unha inxustiza.

-Se chegan ao Goberno, convocarán un referendo de autodeterminación para Galicia?

-Nós falamos da autodeterminación como algo cara ao que hai que camiñar, pero é importante que cando levas unha bandeira haxa pobo detrás. Nós traballaremos nese sentido pero sempre que sintamos que estamos respaldados pola xente. Cremos que o marco autonómico é un corsé que nos impide mellorar, pero tamén é verdade que dentro del hai unha marxe de manobra que o PP non explorou. Este é o primeiro goberno que en duas lexislaturas non conseguiu transferencias.

-Como se pode dicir que o marco autonómico está esgotado cando aínda non houbo gobernos que o puidesen desenvolver plenamente, como si aconteceu en Cataluña ou Euskadi?

-Si, está sen desenvolver. Por iso hai cuestións de urxencia que xa se poden facer agora. Nós cremos que deberíamos ter competencias excluivas en educación. Habería que modificar quen é o responsable das bolsas, por exemplo. Outras comunidades autónomas son elas quen as xestionan, mentres que no noso caso faise desde Madrid. Nós si que cremos no Estatuto e no que pode dar de si, pero hai que camiñar cara outra situación.

-Cales son as prioridades que levarán ao Parlamento relativas á Coruña e a súa comarca?

-A situación dos Concellos é tremendamente inxusta. Os concellos reciben do Estado por cada habitante 259 euros. No caso dos concellos galegos, reciben de media 250 euros. Unha diferenza importante. As sete cidades galegas teñen un millón habitantes, Málaga a metade. Pois ben, Málaga recibe da Participación nos Ingresos do Estado (PIE) 230 millóns de euros mentres que as sete cidades galegas 232 millóns. Somos o dobre de poboación pero recibimos a mesma cantidade. Os concellos son quen responden ás necesidades máis urxentes. E a Xunta, co PP, o que fixo foi deixación das súas obrigas. O Concelloda Coruña ao mellor pode crear unha renda social municipal pero hai outros máis pequenos que non poden e que a precisan. Hai concellos pequenos que están a pagar o repago nos medicamentos, asumindo prestacións impropias para eles. A Xunta é quen ten que dar a resposta máis ampla e loitar coas desigualdades territoriais.

-Desde 2001 o BNG sofre unha sangría continua de votos unha elección tras outra. Que están a facer mal?

-Probablemente non estamos a comunicar ben. Despois das elecciçons municipais, nas que obtivemos un só concelleiro, moita xente nos paraba pola rúa dicindo que fora moi inxusto que sacásemos ese resultado. Nós sempre o dicimos e non é fachenda: quen logra botar ao PP do Concello da Coruña somos nós, co traballo que fixemos na rúa e na propia institución, de poñer negro sobre branco cunha oposición moi rigorosa. Sentímonos orgullosos de ter votado ao PP de aquí aínda que non rentabilizamos nós ese castigo, fixérono outros que non tiñan o noso traballo social detrás. Está claro que hai cuestións de comunicación que non facemos ben. Tamén creo que a nivel social hai certo interese en que o nacionalismo non medre. Cando vés a un nacionalista nos debates da televisión, por exemplo?

-As autonómicas semella que poden ser unha continuación do que xa se viu nas municipais. Que opinión lle merece a actuación do Goberno local da Marea?

-As galegas son sempre diferentes e son nas que o BNG sempre tivo maior apoio. Sobre o que pasa na cidade, o que percibimos é certa parálise, cremos que se está respondendo de forma demasiado lenta a multitude de cousas. Acontece na área cultural, onde as asociacións veciñais piden permisos para facer actos e non se lles chega a contestar. Alguén pode pensar que é unha cousa pequena, pero para asociacions é moi importante. Fálase de peatonalizar zonas de Monte Alto e a rúa da que se fala é a Marola. Por que a Marola? Non se sabe, e logo teñen que rectificar. Hai lentitude e falta de diálogo.