-Galicia é dos poucos territorios onde as enquisas poñen a maioría absoluta ao alcance da man do PP. Mérito do Goberno ou demérito da oposición?

-Non contemplo esa hipótese e estou convencido de que o PP perderá a maioría absoluta. Os únicos inquéritos que valen son os do 25 de setembro. Nestes catro anos vimos que na rúa o PP xa ten perdida a maioría. Agora toca trasladar iso ás institucións.

-Proclaman a En Marea herdeira do traballo da Alternativa Galega de Esquerda (AGE). Que garantías hai de que a división que afectou a ese grupo non se repetirá de novo?

-AGE abriu o camiño da unidade popular, de superar barreiras en aras de acadar mínimos comúns que sirvan á vida da xente. Isto foi o inicio de En Marea pero o camiño agora está moi perfeccionado. O 30 de xuño, na asamblea de Vigo, deuse un paso moi importante para converter En Marea nun partido de adscrición individual onde todo o mundo poida participar en igualdade de condicións. Por tanto, xa non estamos ante unha mesa de partidos e iso facilita moito a cohesión do proxecto.

-Pero seguen a convivir partidos con proxectos a longo prazo diferentes. Iso non ten que acabar dando lugar a rupturas?

-Non, porque En Marea é a representación da sociedade que vivimos, que non é a sociedade de hai 15 ou 20 anos. Hai que mellorar os mecanismos de entendemento pero hoxe en día non temos unha sociedade tan homoxénea como para ter unha organización monolítica. Nós a diversidade vémola como un valor.

-A Xunta ten arredor de 500 postos de designación directa. Se En Marea tivese o Goberno, seríalle posible cubrir toda esa estructura sendo un partido recén nacido e tan pouco asentado no terreo institucional?

-Ao PP eses postos non lle chegan a nada porque ten moitos favores que vender e moita xente mediocre que colocar. Nós temos unha grande vantaxe, e é que podemos poñer ás mellores persoas da sociedade civil, xente valiosa que leva moitos anos loitando na sanidade, no ensino, na defensa do medioambiente, na vivenda? Neste país hai moito liderazgo por emerxer e moita xente comprometida que sempre estivo afastada dos circuitos do poder. Esta será unha oportunidade para que esta xente entre a decidir o noso futuro.

-Falan de crear unha compañía ferroviaria galega. Fixeron as contas de como financiar iso?

-Unha das asignaturas pendentes do PP nos seus case 30 anos de goberno en Galicia é a organización do territorio. Nós ámbitos rurais propoñemos a comarcalización para poder traballar a escalas axeitadas. Nas áreas urbanas queremos desenvolver as áreas metropolitanas. Dentro desa ordenación racional, hai unha área que vai de Ferrol á Coruña, que ten 500.000 habitantes, e non ten unha infraestructura de tren de proximidade. É o momento de aproveitar unha liña de ferrocarril que xa está aí e que non sería tan cara de acomodar para ter un tren de proximidade decente. Propoñemos o traspaso das competencias á Xunta e a creación da compañía porque se precisa un modelo deseñado para Galicia. Hai que dar prioridade ao tren fronte ao tráfico por estrada. Se non se levou a cabo é por intereses alleos á racionalidade.

-No rural da provincia un dos grandes problemas é a situación do lácteo. Sempre se fala del pero non se lle dan solucións. Cal é a súa proposta?

-O primeiro paso é deixar de ter un goberno ao servizo das distribuidoras e da industria. Hai que abandonar a improvisación. Esta última lexislatura presenciamos o nacemento e a morte de Alimentos Lácteos, publicitado polo PP como o grande grupo lácteo galego, onde se enterraron case oito millóns de euros públicos en menos de dous anos. Hai que deixar o clientelismo. Calquera proxecto precisa rigor e solvencia e é fundamental aplicar a lei para evitar os abusos da industria sobre os gandeiros.

-Falan de que o Estatuto está sen desenvolver. Que competencias reclamarán para Galicia?

-Nós apostamos pola soberanía como un principio democrático radical. Galicia é unha nación e ten dereito a decidilo todo, pero isto materialízase en algo concreto. Galicia ten que decidir sobre as súas costas, e que non o fagan desde Madrid.Queremos decidir sobre a nosa enerxía, e non ter que exportar o 40% do que producimos mentres as empresas aquí non deixan prácticamente impostos e cobran os recibos da luz cada vez máis caros. O PP non foi quen de esgotar o marco do actual Estatuto e nos últimos oito anos nen sequera solicitou unha soa transferencia. Ao PP sóbralle o autogoberno.

- Propoñen a cesión de competencias sobre a AP-9. Que pretenden facer con ela?

-Nós cremos que hai mecanismos para que esta infraestructura, que está máis que amortizada, volte a mans públicas. O estudo desas posibilidades vai dar unha alternativa viable para o rescate da autoestrada. É unha cuestión de vontade política. Os galegos non poden pagar diariamente unha das autoestradas máis caras do estado.

-Falan de conxelar os concertos educativos e facer auditorías deles. Van eliminar a educación concertada?

-Nós cremos que non se pode recortar en educación pública para engordar a educación privada. Iso vai ter un novo punto de inflexión co novo goberno, estudando a situación e dando prioridade á educación pública.

-Iso implica que se van deixar de financiar colexios que agora son concertados?

-Vaise facer un cambio nas prioridades, reducindo o gasto en educación privada e aumentando progresivamente o investimento na pública. O que si eliminaremos de forma inmediata son as subvencións a centros que teñan a segregación por sexos nas aulas.

-Que garantías ofrece de que, en caso de non haber maioría absoluta, non se repetirá o bloqueo que se vive no Congreso?

-En Galicia, se hai unha maioría en contra do PP, haberá entendemento. Aquí hai unha total certeza diso, non teño dúbidas. É o que a xente demanda e temos que entendermos para acabar co PP e coa súa forma de goberno destes últimos oito anos, baseada na violencia aos máis humildes.