-Reclaman a transferencia da AP-9 á Xunta. Que outras competencias deberían recuperarse para a comunidade?

-Non queremos máis especulación coa nosa autoestrada, senón ter o control sobre ela para eliminar unhas peaxes inxustas. Temos que ter máis poder político para solucionar os problemas do noso país. Para poder blindar todos os servizos públicos precisamos unha facenda pública propia onde a chave dos cartos non a teña Montoro e a teñamos en Galiza.

-Outra das súas medidas estrela é a tarifa eléctrica galega.

-Hai un expolio enerxético en Galiza e defendemos que debemos ter a electricidade máis barata. Non temos porque pagar o custo do transporte da electricidade.

-Mentres as comunidades esperan que haxa Goberno en Madrid para negociar o reparto dos fondos autonómicos, desde o Bloque plantexan un modelo propio.

-Euskadi ten un sistema de financiamento co que recadan tódolos impostos que serviu para desenvolver ese país. Non vexo aos vascos queixarse por ter ese modelo. Queremos que Galiza non sexa menos.

-Que uso da política lingüística están facendo os partidos nesta campaña?

-A defensa do galego debe ser unha causa común. Feijóo quixo dividir aos galegos pola lingua e atacar ao que máis nos une. Temos dereito a vivir en lingua galega. O PP compite con Ciudadanos a ver quen lle fai máis dano á lingua galega.

-O PSdeG desmárcase do debate ao dereito á autodeterminación.

-As democracias máis avanzadas recoñecen o dereito a decidir. No estado español existe un centralismo moi rancio e a Galiza nunca lle foi ben co centralismo.