-En caso de que non haxa maioría absoluta a partir do domingo, con quen está disposto a pactar Ciudadanos?

-Nós temos unha estratexia a nivel nacional e é a de apoiar ás forzas constitucionalistas. Non imos negociar cos nacionalistas porque todo o mundo sabe que nacemos como unha contestación ao nacionalismo en Cataluña.

-Que é ser constitucionalistas? Ciudadanos e até o PP tamén reclaman reformar a Constitución?

-Si, pero ao que nos refirimos é que non sexan partidos que defendan a petición dos nacionalistas de convocar un referendo de autodeterminación, que non está amparado legalmente pola Constitución. No panorama galego estaríamos dispostos a sentarnos a falar con Leiceaga (PSOE) ou Feijóo (PP). Entendemos que Bloque e En Marea levan no seu programa proxectos nacionalistas que nós non apoiamos e por iso non nos sentaríamos a falar con eles.

-Pero o candidato de En Marea xa deixou claro que non aspiraban a convocar un referendo de autodeterminación, que só queren desenvolver o actual Estatuto de 1981.

-Si, pero En Marea, ao ser unha confluencia, mestura varias posicións e non temos claro que proxecto defenderán finalmente. Se chegado o momento eles tivesen un proxecto no que, evidentemente, non apoian convocar un referendo separatista, pois tamén nos sentaríamos a falar. Nese termo somos moi claros.

-Negociarían con En Marea se non poñen como condición convocar un referendo de autodeterminación?

-Se van respectar os principios da Constitución, si que nos sentaríamos. O referendo separatista é o que non imos apoiar.

-Cales serían as liñas vermellas que porían para chegar a un acordo de investidura co PP?

-Os mínimos están recollidos na proposta que se lle puxo enriba da mesa a Mariano Rajoy. No caso de Galicia, teríamos que analizalo se se produce un escenario similar. Nós xa avanzamos que a nosa principal liña vermella vai ser a loita contra a corrupción, que é o noso pilar fundamental. Outro tema importante son os recortes sociais. A xestión que se fixo dos servizos públicos foi moi ineficiente, porque dedicáronse a recortar e non a optimizar.

-Naquel acordo con Rajoy deixábase fóra desa limpeza contra a corrupción casos como o de Baltar.

-En Galicia, en toda negociación co PP, a dimisión de Baltar sería un asunto innegociable. Ou Baltar deixa a Deputación ou Feijóo non terá o noso apoio para a investidura.

-A traxectoria de Ciudadanos en Galicia foi bastante conflictiva e viviu varias crises internas. Afectaralles electoralmente?

-Os conflictos internos son provocados porque somos un partido novo pero non cremos que teñan impacto no resultado autonómico. Nós temos unha coherencia total e absoluta coa liña que levamos a nivel nacional e toda a política que estamos propoñendo para Galicia é coherente cos valores e principios do partido desde que naceu. Ademais, todas as organizacións teñen os seus problemas e diferenzas.

-Hai quen lles acusa de ser unha franquicia da dirección de Barcelona.

-Nós somos un partido a nivel nacional, iso é unha realidade, cunha mensaxe para toda España. Pero tamén é certo que o programa electoral foi elaborado por galegos íntegramente e que na candidatura todos os candidatos somos galegos. Non somos ningunha franquicia, simplemente temos unha mensaxe única para todo o territorio nacional, aínda que entendemos as particularidades de cada territorio.

-No seu programa falan de aprobar unha Lei de axuda ao crecemento demográfico e á familia. En que consistirá?

-Será unha lei que terá tres pilares: promover a conciliación laboral entre homes e mulleres, axudar a que a xente nova quede a vivir en Galicia, e garantir que todos os nenos de 0 a 3 anos teñan educación infantil asegurada si ou si. O problema aquí é que non hai natalidade pero ninguén axuda a que a haxa.

-Iso é algo que calquera partido defendería. Como pretenden facer iso realidade?

-Con axudas directas á vivenda ou á creación de proxectos no rural para os máis novos. Esas son medidas concretas, por exemplo.

-Tamén falan de aprobar unha Lei de Mobilidade de Galicia.

-Durante o goberno do PP licitouse a elaboración desta lei pero non se volveu saber nada dela. É unha lei fundamental porque en tema de mobilidade existe unha converxencia de competencias entre distintas administracións que é preciso organizar e ordenar. Todo o tema da intermodalidade estaría en certa medida paliado se existise unha norma así, que sentase as bases dunha mobilidade sostible en Galicia.

-E para Coruña e a súa comarca, que proxectos levará ao Parlamento de Galicia?

-O que vén demandando a cidadanía son melloras nas infraestructuras, como a finalización da Vía Ártabra, as conexións co aeroporto ou a implantación dun transporte metrolitano mellor. Fundamentalmente as nosas propostas van ir por aí. Por outro lado, tamén será unha prioridade o saneamento da ría do Burgo. Galicia está no punto de mira da Unión Europea pola súa mala xestión das rías. Están completamente contaminadas e non se está a facer ningún saneamento, co impacto mediambiental e económico que iso ten para algúns sectores estratéxicos, como pode ser o do marisqueo.