Xoaquín Fernández Leiceaga participou nos 80 na refundación do BNG e hoxe loita por manter ao PSdeG como a segunda forza no Parlamento galego, que o PP perda a maioría absoluta e liderar unha alternativa de esquerdas en Galicia. Está disposto a dialogar con todas as forzas políticas pero ve case "imposible" o cambio se non está pilotado polos socialistas. Este catedrático de Economía Aplicada na Universidade Santiago e nado en Noia convertiuse no candidato á Xunta ao vencer nas primarias contra o exdeputado José Luis Méndez Romeu, pero as divisións no partido nese proceso agudizáronse polos cambios nas listas ao 25-S de Pontevedra y Ourense. O domingo xógase nas urnas ser o próximo presidente da Xunta pero tamén o seu liderado no partido.

-Feijóo repite en cada mitin que o domingo escóllese entre o PP e un "lío" de partidos.

-Quere ocultar que hai unha alternativa de cambio razoable e sensata que é o Partido Socialista. Nós ofrecemos un cambio radical sobre as políticas do PP e facémolo desde a capacidade de levar adiante as nosas propostas con sensatez.

-En que posición cre que quedará o seu partido o domingo?

-Para nós sería importante que Feijóo perdese a maioría absoluta e que nós lideraramos o cambio.

-Se se cumpre a súa aposta habería que negociar para buscar unha alternativa de esquerdas.

-Estamos dispostos a sentarnos con todo o mundo sobre a base do noso programa e sabendo que hai límites constitucionais dentro dos que temos que desenvolver a nosa acción de goberno. Non queremos ningún tipo de aventuras. Queremos un cambio responsable.

-Villares xa se pronunciou dicindo que se En Marea é terceira forza apoiará un goberno socialista. Faría vostede o mesmo se se dese o caso contrario?

-Sempre que houbo cambio político en Galicia foi co Partido Socialista como polo central ou de referencia alternativo. E esto é o que vai pasar tamén o 25 de setembro.

-Pero daríanlle ou non o seu apoio para derrotar a Feijóo se non acada maioría absoluta?

-Creo que nese caso non se vai derrotar a Feijóo. Non creo que sexa posible nin que vaia suceder.

-Pese á súa vontade de diálogo con En Marea, nos últimos días criticou a xestión dos gobernos das mareas nas cidades.

-Se teño a oportunidade de negociar non o vou facer cos gobernos das cidades. Vou tentar conformar un goberno dos mellores. E se é preciso con outras forzas tamén lles esixiría o mellor a eles.

-Da por feito xa eses acordos?

-A través do diálogo hai que convertir as diferenzas nunha acción política eficaz. Eso é a política. Hai unha coincidencia na axenda política. A partir de aí pode haber matices que hai que superar negociando.

-Comparte propostas con outras formacións pero defende que a do PSdeG é a máis estable.

-Porque nós sabemos como facelo. Temos un camiño para chegar ata os cidadáns que pasa pola estabilidade financeira pero tamén polo coñecemento de como funcionan as administracións e como hai que movelas para conseguir facer todos os cambios necesarios.

-O dereito á autodeterminación pode dificultar o acordo con En Marea e BNG?

-Eso non está no debate en Galicia. É un tema que o PP está tratando meter en campaña sen éxito. Nós propoñemos unha reforma do Estatuto de Autonomía na que propoñemos eliminar os aforamentos.

-No debate da TVG Feijóo criticou a xestión do anterior bipartito na Xunta e alertou de que votar ao PSdeG sería reeditalo.

-Reivindico o balance do bipartito. Peguntaríalle aos galegos se vivían mellor cando era presidente Emilio Pérez Touriño ou agora. Que comparen e decidan.

-Quen gañou ese debate?

-O PSdeG saíu reforzado e o que saíu perdendo dese debate encorsetado na Televisión de Galicia foi Feijóo, que se viu como un candidato que non pensa en Galicia.

-O PP pregúntase como se van poñer dacordo PSdeG e En Marea se non se entenden con membros dos seus propios partidos.

-En España nestes momentos calquera opción de goberno pasa, como mínimo, por tres partidos. O PP tentou formar un tripartito e Pedro Sánchez estao intentando. Vai ser a normalidade a partir dagora. A nova política é así e nós estamos mellor preparados que Feijóo para ela. En todas comunidades onde hai gobernos progresistas presididos por un político socialista hai pactos pero en todos tamén hai estabilidade. Son cousas compatibles.

-E a vostede atacouno dicindo que o PP fai campaña contra En Marea porque ao PSdeG xa lla fai Abel Caballero desde Vigo?

-Feijóo o que non quere e que se faga un balance da súa xestión na Xunta nin que o identifiquen como o candidado do PP O seu problema é que non pode ofrecer ese proxecto. Por eso ataca os demais.

-Apaciguouse a tensión no socialismo galego despois das diferenzas a raíz da elaboración das listas para estes comicios?

-Na campaña todo o mundo colabora para chegar a un resultado que compartimos todos, que non é outro que derrotar a Feijóo.

-Por que se arriscou a manter a súa postura para renovar o partido aínda que a división no partido lle puidese afectar nas urnas?

-As primarias en si mesmas son un proceso que requiren valentía, sobre todo se, como foi o caso, había unha competición real. O resultado das primarias foi unha manifestación de que unha maioría do partido quería unha renovación a fondo dos seus representantes. Creo que a eso respondemos.

-Conseguiu impoñer o seu papel como candidato á Xunta?

-Había que traducir o que pedían os militantes na acción política.

-Teme as consecuencias desa crise se perde votos o domingo?

-Os resultados en política sempre son importantes pero veremos o que pasa o día 25.

-Ten algunha decisión tomada sobre o seu futuro segundo respondan os votantes?

-Vamos esperar ver o resultado e despois tomar decisións.

-Centrou varios mitins en captar o voto dos indecisos. Que lles diría para convencelos nesta recta final da campaña?

-Que hai dous camiños. Por un lado, unha política de continuidade con recortes, privatizacións, debilitamento dos servicios sociais e destrucción de emprego, que é a do PP. E un camiño distinto que é o noso con emprego de calidade, servizos públicos e igualdade.

-Emprego, educación e sanidade son precisamente os pilares sobre os que xira a súa campaña.

-Son as prioridades básicas e as que máis preocupan aos cidadáns.

-Coa súa experiencia como economista, sería capaz de implantar esas medidas e que cadrasen as contas?

-Calculamos que se recuperación se consolida, a Xunta vai ingresar en catro anos 1.000 millóns de euros máis sen facer nada. Despois hai que mover o sistema de financiamento autonómico ou usar mellor os fondos europeos. Con eso as nosas propostas son encaixables.

-Cal é a súa clave para xestionar os recursos da Xunta?

-É unha cuestión de prioridades. A marxe que temos imos empregala en servizos sociais, non en ningunha outra cousa como facer outra Cidade da Cultura. Eso deixámosllo ao PP.

-Considera que as protestas cidadáns contra os recortes despois non se traducen en votos?

-O sistema electoral fai que o PP teña posibilidades de obter a maioría absoluta pero a maioría social en Galicia quere cambio. A cuestión é precisamente se somos capaces de que se traduza nunha maioría parlamentaria.

-Cre que líderes estatais como Pedro Sánchez aproveitaron a campaña galega para facer a súa propia campaña para liderar o Goberno en Madrid?

-No caso de Sánchez creo que veu a Galicia para apoiarme a min como candidato no seu papel como secretario xeral do partido.

-Garda algún as na manga para estes últimos días?

-Temos que facer unha intensa apelación á mobilización. Os nosos principais inimigos son a abstención e a desmobilización do noso electorado.

-Temen que lles poida afectar a abstención se é elevada?

-Os partidos de esquerda estamos máis en risco de sufrir a abstención nestes momentos.

-É posible ata o venres conseguir máis votos para rebatir a maioría absoluta de Feijóo?

-Está todo aberto. Hai quen intenta dar as eleccións por pechadas unha semana antes pero non é así. Se a xente cre que están decididas nin sequera vai ir votar e hai que dicirlles que a historia escribímola nós e ninguén máis.