Feijóo contrapón un goberno con maioría absoluta do PP a un "multipartito". As forzas da esquerda expresaron xa a súa vontade de pactar, pero nunha situación tan difícil como a que atravesamos necesitarase unha Xunta que se poña a traballar inmediatamente e non perda tempo en negociacións para formar goberno. Será posible?

Se o día 12 hai cambio, ao día seguinte pola mañá temos que estar xa traballando para constituír o novo goberno canto antes. Ese é un compromiso claro. Aquí tivemos un monopartito durante 11 anos e foi o máis inútil para Galicia. Os gobernos non se miden polo número de partidos que os compoñen, senón polas políticas que van facer.

As tensións no Goberno entre PSOE e Podemos poden pasar factura á esquerda en Galicia?

Eu espero que o que pase factura sexan os acordos do PP coa extrema dereita. O que debe explicar Feijóo é se vai pactar coa extrema dereita en caso de necesitalo.

Cales serán as liñas vermellas do BNG para formar un goberno de coalición en Galicia?

A nosa liña vermella é defender Galicia e dar un futuro a xente deste país.

Cal será a primeira medida que adoptará se se converte en presidenta?

Temos tantas frontes abertas que é difícil concretar unha medida. Hai que tomar en serio a elaboración dese protocolo fronte aos rebrotes e reforzar a Atención Primaria e todas as medidas de rastrexo da Covid-19. Tamén me preocupa que caia a industria. Temos un problemón porque queren pechar a única fábrica de aluminio primario que temos e non podemos permitilo. Se eu son presidenta, Pedro Sánchez terá unha chamada miña ao día seguinte para dicirlle que Alcoa non pecha. Debe dicirnos dese fondo que ten o Estado para nacionalizar empresas, que parte vai ir a Alcoa, porque o que falte vaino poñer a Xunta.

Que melloras cre que son necesarias en materia sanitaria para reforzar a Galicia fronte ao coronavirus?

É urxente reforzar a Atención Primaria. Nos cen primeiros días teremos que poñer en marcha un plan de reforzo da Atención primaria porque necesita máis medios. A telesanidade que nos promete Feijóo non é o futuro. O futuro é ter máis persoal sanitario e máis recursos que nos permitan mellor a atención as persoas.

Tras tocar fondo con seis escanos nos últimos comicios autonómicos, Ana Pontón (Sarria, 1977) sente que un vento de cola a impulsa cara á Presidencia da Xunta. Sería a primeira muller presidenta da historia de Galicia. Aínda que as enquisas dan maioría absoluta ao PP, o Bloque confía no cambio e, en todo caso, estaría en xogo a posibilidade de adiantar ao PSOE e converterse así no primeiro partido da oposición.

Despois do brote de coronavirus da Mariña, pensa que Feijóo se equivocou ao convocar eleccións en xullo?

É evidente que cando dicíamos que esta non era a mellor data estabamos a falar dunha posibilidade de rebrote. Agora temos un na Mariña, onde é grave a improvisación e a falta de transparencia coa que actúa o Goberno do PP. O primeiro ten que ser a saúde. O máis sensato é suspender as eleccións nesas comarcas e que as votacións se poidan facer unha vez que o rebrote estea controlado. Non poñamos á xente no dilema de que escolla entre a saúde ou o dereito ao voto. Eu agardo que haxa sensatez.

As enquisas dan agora ao PP maioría absoluta, pero esta maioría non estaba tan clara antes de que se suspenderan as eleccións o 5 de abril. ¿Serviu a pandemia para afianzar aínda máis a Feijóo na Xunta?

Hai unha posibilidade real de cambio e de que fagamos historia poñendo por primeira vez á fronte do Goberno da Xunta a unha muller.

Como cre que pode afectar a crise sanitaria nos resultados electorais?

O que vin é a un candidato do PP que aproveitou a pandemia para facer campaña. O que me pregunto é como é posible que Feijóo durante a pandemia, que non tiña competencias, comparecera día si, día tamén nos medios públicos, e agora que ten todas as competencias e que temos un rebrote está escondido detrás do conselleiro e non dá a cara.

Teme unha desmobilización da esquerda nestas eleccións?

Agardo que non. O 12 de xullo haberá un cambio se hai unha gran mobilización. Pido que ningún voto que queira o cambio, quede na casa. É o momento de concentrar todo o voto de país, todo o voto inconformista e todo o voto da rebeldía na papeleta do BNG. Estamos nun momento decisivo e teño a convicción de que imos marcar o futuro de Galicia dos próximos dez anos. Quen destruíu durante estes once anos non pode reconstruír. O que se precisa non é volver á vella normalidade, senón poñer en marcha un país novo.

En todo caso, Fraga gobernou 15 anos. Feijóo leva 11. O PP parece invencible en Galicia...

O 12 de xullo imos demostrar que o PP é derrotable en Galicia. Nunca vira unha mobilización tan grande en torno ao BNG.

Cre que o BNG pode atraer votantes doutras forzas de esquerda como do PSOE?

Os votos non son dos partidos, son das persoas. Hai moita xente que nunca votara ao BNG que o vai facer por primeira vez nestas eleccións. Galicia precisa un goberno sen ataduras, porque o modelo da submisión non nos vale. Temos que cambiar esa roda que nos leva a irrelevancia política.

As divisións internas penalizaron sempre á esquerda. Pasoulle ao BNG tras a ruptura de Amio e agora parece que lle vai pasar factura a Galicia en Común e a Marea. Está o BNG dabondo cohesionado para situarse á fronte da Xunta?

Nós temos máis unidade e cohesión ca nunca. Somos unha organización renovada e unida e estamos preparados para poder liderar o Goberno da Xunta ofrecendo un proxecto sólido e solvente, sen subordinacións.

Hai máis posibilidades de derrotar a Feijóo se se aglutina o voto de esquerda?

Se todo ese voto nacionalista, galeguista, que quere un proxecto que non estea subordinado a Madrid se concentra na papeleta do BNG haberá cambios e teremos presidenta.

Mesmo o voto dos non nacionalistas?

Claro. Todo o mundo pode votar ao BNG. A nosa alternativa é para as maiorías sociais de Galicia. Estou convencida de que hai moita xente que ademais viu fai uns meses cando asinamos o acordo de investidura co PSOE que o máis útil para Galicia é o BNG porque nós conseguimos nun mes un acordo con cousas que non conseguiu Feijóo en 11 anos.

Nese acordo o Goberno comprometíase a transferir a AP-9 e a rebaixar as tarifas. Pero non se viron avances aínda...

O acordo foi en xaneiro. Acabamos de pasar unha pandemia e agora o Goberno debe cumprir con Galicia. Debe presentar uns orzamentos onde se abaraten as peaxes e se faga a transferencia.

O BNG defende a necesidade de máis autogoberno para Galicia. Se chega á Xunta, que decisións adoptará para avanzar nese camiño?

Primeiro sentarnos co Estado e pedir que se convoque a comisión mixta de transferencias. Levamos 11 anos sen unha soa nova transferencia. Aí exporemos que se transfiran todas as que están no Estatuto que están pendentes e outras que xa teñen outras autonomías. Pero hai que ir a máis. Propoñeremos unha relatorio para formular unha nova relación, un novo marco político para Galicia que nos recoñeza como nación.

A que se refire cun novo marco político?

A unha relación na que Galicia non estea subordinada ao Estado senón que teñamos unha relación de ti a ti.

Impulsará unha reforma do Estatuto?

Galicia non pode quedar atrás. Todas as autonomías renovaron o seu Estatuto e nos temos un de máis de 30 anos. Galicia precisa ter máis poder político e máis autogoberno.