José Ramón Gómez Besteiro | Candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta

Besteiro: “O cambio debe representar experiencia de goberno e a esquerda que xestiona é o PSdeG”

“Comparto co BNG a defensa dos servizos públicos, pero no dereito a decidir non nos imos encontrar”

“Deixar o escano? O meu destino está en Galicia”

Besteiro, onte no xardín dun hotel en Santiago

Besteiro, onte no xardín dun hotel en Santiago / Xoán Álvarez

Daniel Domínguez

Santiago

Case oito anos despois de que as imputacións xudiciais que acabaron arquivadas tombasen a súa carreira política, José Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967) logra ser o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta. As enquisas sonlle desfavorables, pero confía na remontada e defende o PSdeG como mellor líder da alternativa que o BNG porque é “a esquerda que xestiona”.

Por que precisa un cambio Galicia este domingo?

Cómpre pasar páxina despois de 15 anos. Perdemos poboación ocupada, temos máis débeda... Mentres España medra, Galicia mingua.

Por que un galego que queira cambio debe votar ao PSdeG e non ao BNG, que lidera as enquisas?

Porque non se trata de simplemente de cambiar ao PP, senón para que. Ten que ser un cambio que represente seguridade, solvencia, experiencia de goberno... E iso que é? A esquerda que xestiona e esa é o PSOE, mal que lle pese a algúns.

Cre que o PSdeG é máis ambicioso en políticas de esquerda que o BNG ou Sumar?

Si, porque apostamos, por exemplo, por unha reindustrialización moi potente. E temos que manexar a conexión co Estado dun xeito moito máis axeitado a como se fixo nos últimos anos, con paus nas rodas constantemente da Xunta. Segundo, porque apostamos polo crecemento intelixente, como Europa.

Pero as enquisas apuntan que se hai cambio, vostede sería vicepresidente de Ana Pontón...

Non se trata dunha cuestión persoal, senón do que elixan os cidadáns. Eu aspiro a que lle dean o protagonismo do cambio ao PSdeG.

É a mellor oportunidade para a esquerda desde 2009, cando o bipartito caeu?

Eu falo moito daquel goberno porque estou moi orgulloso del. Moitas das súas políticas marcaron unha visión de modernidade que logo se perderon durante 15 anos en vivenda pública, ensino, sanidade... Eu recuperarei a gratuidade dos libros de texto, por exemplo. Estamos ante unha oportunidade histórica e a xente debe mobilizarse porque as oportunidades dos próximos catro anos non van voltar a aparecer ante nós.

Que lle une máis co BNG e que o afasta?

Compartimos unha profunda defensa dos dereitos e servizos públicos, como a sanidade, o ensino, a dependencia, os servizos sociais... No modelo territorial temos notables diferenzas. Para nós, o marco constitucional e estatutario é onde nos movemos. Fóra, non albiscamos ningún futuro.

Fala de marco constitucional. O BNG defende o dereito a decidir. Vostede?

Nese camiño non nos imos atopar.

E no do galego na escola? O BNG pula por un ensino completamente en galego. E o PSdeG?

Temos que traballar para que aumente o número de galegofalantes e iso significa unha política transversal da Xunta. Defendendo o galego, non temos por que discutir que hai tamén dereito a empregar o castelán. Vivimos da cooficialidade.

Unha das súas promesas é a gratuidade da AP-9. Iso depende de que o PSdeG estea na Xunta?

É unha promesa que eu fago.

Pero entón o Goberno central non facilitaría esa medida se non gobernan os socialistas? Porque é unha demanda xeralizada.

Non se trata diso. Eu podería dicir que reclamarei esa cuestión, pero a miña oferta é clara. Non me poño na posición do que fará o Goberno do Estado. Eu digo que o conseguirei, se son presidente da Xunta. Por certo, xa iniciamos ese camiño coa rebaixa do 50% das peaxes, que se elevou agora ao 75%.

E que medidas serían prioritarias se é presidente?

Tres. En primeiro lugar, un paquete económico para mobilizar 10.000 millóns de euros para pasar do 16% ao 20% do peso industrial no PIB e poderiamos ter entre 50.000 e 60.000 empregos. Hai que mobilizar investimentos que son fondos do Estado e europeos. En materia de dereitos sociais, un plan de choque en sanidade, que durante 15 anos sufriu os efectos colaterais da privatización. O límite para a atención en Primaria sería de 48 horas. E en terceiro lugar, un paquete de dereitos sociais. Tamén me comprometo a actualizar a partir de abril o paquete de competencias da Xunta.

Aínda non deixou o escano no Congreso, como prometeu. Vai dimitir ou seguirá en Madrid se o seu resultado é malo?

O meu destino xa é o de Galicia.

Perdoe que insista, pero xa escoitamos iso noutros dirixentes e logo se botaron atrás.

Eu só respondo por min. O meu compromiso é con Galicia. Seino eu e sábeo quen o ten que saber.

Asumirá a Secretaría Xeral do PSdeG, relevando a González Formoso e sendo así o líder total do partido?

Queda moito tempo para falar diso.

No partido falouse desa opción.

Que non lle falen tanto. Agora estamos ao que estamos.

Poñámonos a noite do domingo no escenario de que non exista ese cambio que prevén e que o PP manteña o poder. Que sucederá?

Que Galicia seguirá cun goberno do PP.

E no PSdeG?

Que aceptará os resultados, como facemos sempre, non como o PP, que os cuestiona cando non lle benefician.

Nese escenario vese de candidato no 2028?

Largo me lo fiáis, amigo Sancho. Isto é todo especulativo. Pero vai haber cambio e un goberno progresista en Galicia.

“Sucursalismo? Cando vén Sánchez, fala de asuntos que nos preocupan”

Acusaron ao PP de nacionalizar a campaña pola súa insistencia na amnistía, pero non sei se tantas visitas de Pedro Sánchez e os ministros socialistas non estatalizan tamén ao PSdeG. Cre que lle dan imaxe sucursalista?

Que é o que ten que facer un presidente da xente? Preocuparse polos problemas dos galegos, de revalorizar as pensións, de captar fondos europeos... Eu defendo a suma de esforzos entre as dúas administracións. Cando vén o presidente do Goberno ou veñen os ministros é porque teñen moito que dicir de Galicia. A presenza de Feijóo non é nacionalizar a campaña? E falar da amnistía? Por certo, agora sabemos que mentres a criticaba, o PP estaba a falar de darlle a amnistía e un indulto a Puigdemont. É vergoñento. Ogallá haxa moita nacionalización porque cando veñen o presidente do Goberno e os ministros e ministras veñen a falar de cousas que nos preocupan: transición enerxética, asteleiros, sanidade...

Tamén se xoga moito Pedro Sánchez o domingo?

El vai ser presidente do Goberno os vindeiros tres anos e medio.Pero con esta implicación e sendo as primeiras eleccións logo das xerais, algo lle afectará. Aquí o único que non gaña é Feijóo porque non é presidente do Goberno nin vai ser presidente da Xunta. Quen pode gañar é Galicia se aproveita esta oportunidade histórica para cambiar. Temos que decidir se queremos aproveitar as oportunidades que temos por diante ou se nos pechamos en nós mesmos.

Tratou o Goberno central axeitadamente a Galicia a pasada lexislatura?

Se facemos unha valoración en termos puramente económicos, nos últimos cinco anos as transferencias a Galicia do Goberno do Estado en relación aos cinco anos anteriores de Mariano Rajoy foron un 31% máis, máis de 42.000 millóns de euros. Pedro Sánchez tratou a Galicia moito mellor que Rajoy. Por certo, a política de pau na roda do PP en relación co Goberno central non nos beneficia.

Por certo, está a favor da suba de impostos ou de baixalos?

En Galicia a política fiscal da Xunta non existe. Falan do imposto de Patrimonio e eu pouca xente coñezo que o pague, pero semella o seu cabalo de batalla. A política fiscal debe ir ligada á corresponsabilidade fiscal, pero non é tanto un problema de impostos, senón de xestionar ben o orzamento. Nos últimos anos, por exemplo, a Xunta executou menos do 50% de fondos europeos.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents