Ana Pontón | Candidata do BNG á Presidencia da Xunta
“Galicia pode deixar atrás 15 anos nos que sanidade e educación foron a peor”
“O cambio é imparable, hai momentos como este no que non podemos deixar pasar a oportunidade” | “Pediremos aumentar os impostos cedidos á comunidade”

Ana Pontón, en Santiago.
Daniel Domínguez
A Ana Pontón (Sarria, 1977) a adrenalina dunha campaña na que foi a máis protéxea do cansazo de dúas semanas sen parar nas que apenas puido ver á súa filla. É a líder nacionalista que máis éxito electoral tivo na historia, pero confía non só en superar os 19 deputados de 2020, senón en ser a primeira presidenta da Xunta. Ela confía nesa opción, pero non se molla cando se lle pregunta se pensou en mudarse a Monte Pío, a residencia oficial da Xunta. “Non está nos meus pensamentos”, ri.
Por que cre que vai haber cambio político en Galicia?
Estou sentindo nesta campaña que neste país está a moverse algo por abaixo, que existe pulsión de cambio. Se toda a xente que quere construír unha Galiza mellor vota ao BNG, o cambio vai ser imparable e o PP pasará á oposición.
E se non o hai?
Vai habelo. Se unimos ese voto do cambio no BNG, multiplicamos e imos facer historia coa primeira muller presidenta da Xunta.
Dixo que son unhas eleccións cruciais. É a súa gran oportunidade trala caída do bipartito en 2009?
Creo que é unha gran oportunidade para que o país deixe atrás 15 anos dun goberno do PP cun balance demoledor: temos unha sanidade peor, unha educación peor, perdemos máis de 100.000 habitantes, triplicouse a débeda pública... Estamos a xogarnos o futuro da próxima década. E Galiza ten que apostar por algo distinto porque se queremos resultados diferentes temos que facer algo diferente.
Cal sería a primeira medida que tomaría como presidenta?
Imos tomar moitas, pero, en primeiro lugar, rescatar a sanidade pública. Aprobarei un plan de rescate da Atención Primaria dotado con 200 millóns de euros co obxectivo de que ao final da lexislatura o 25% do orzamento de sanidade sexa para Primaria. Poremos en marcha un novo modelo en que haxa máis especialidades. Por exemplo, o 30% de consultas teñen que ver coa saúde mental. Se apostamos por poñer psicólogos en Primaria, imos desconxestionar o resto de consultas. Tamén pasaría coa fisioterapia. Tamén habería que axudar ás familias, por iso tamén estará aí a gratuidade dos libros de texto e un incremento dos recursos para o Servizo de Axuda no Fogar.
Como solucionaría a falta de médicos que sofren Galicia e outras comunidades, pero tamén países como Reino Unido?
O PP dicía que non había suficientes prazas MIR e na última convocatoria quedaron moitas sen cubrir. Por que? Porque devaluaron tanto as condicións en Primaria que moitos profesionais non queren traballar aí. Temos que ofrecer mellores condicións.
O 60 por cento de combustibles consumidos en Galicia son de orixe fósil e para acometer a transición ecolóxica habería que reducir a dependencia e apostar polas renovables, pero vostedes critican o xeito en que está a medrar o sector eólico. Que faría vostede cos case 2.000 megavatios autorizados que dependen da Xunta de Galicia?
A transición enerxética é un reto moi importante, pero neste momento estase a reproducir un modelo no que gañan as eléctricas e perden os galegos. Quero cambialo. Como? Reclamando que se nos compense polos costos ambientais e sociais. Temos que ter a tarifa máis barata e hai que pelexar. Iso vai ser unha vantaxe para as familias e as empresas. E logo debemos ter unha compañía eléctrica 100% pública, como Francia ou os países nórdicos. En terceiro lugar, hai que cambiar o modelo de desenvolvemento das renovables e democratizar a produción. Apostamos polo autoconsumo e por potenciar as comunidades enerxéticas. Por simplificalo, dicimos eólica si, pero non así.
Gustaríalle que Galicia celebrase un referendo independentista?
O que me gustaría é que Galicia teña igualdade trato e teñamos capacidade para tomar decisións sobre aspectos importantes do noso país, desde infraestruturas como a AP-9 ou a AP-53 aos portos ou aeroportos, ou as necesidades enerxéticas. Iso é o autogoberno e iso defendemos no BNG. Unha das prioridades nesta lexislatura será reclamar un aumento dese autogoberno. Levamos 15 anos con cero competencias novas e tamén debemos poñer sobre a mesa o debate do modelo de financiamento, caducado desde 2014. Ter maior autonomía financeira é bo para o país, por iso imos reclamar que se incremente a porcentaxe de ingresos cedidos ás comunidades.
A súa campaña apostou por difundir o seu programa, incidindo na aposta polos servizos públicos, pero tamén pola emotividade, os seus pais, a súa filla... Pero o momento máis simbólico foi compartir escenario con Xosé Manuel Beiras, ilustrando a reconciliación do nacionalismo. Que supuxo?
Foi como volver á miña adolescencia, cando vin a Beiras por primeira vez no instituto en Sarria. Sentín que as cousas estaban onde tiñan que estar. E a aposta de Beiras e Martiño Noriega por apoiar o BNG indica que en momentos como este non podemos deixar pasar a oportunidade.
Como ve ao PP de Rueda, que centrou parte da campaña en atacala a vostede?
Cun nerviosismo evidente, apertaron o botón do pánico e cada día que pasa perde votos.
Que opina de que Feijóo chegase a avaliar a opción de indultar a Puigdemont?
Que Feijóo diga unha cousa e a contraria non me sorprende, leva facéndoo toda a vida. E demostra que cando está na oposición non ten límites para erosionar a quen está no Goberno.
Cales serían as súas grandes reclamacións ao Goberno central se é presidenta?
A transferencia e gratuidade da AP-9. Se se rescataron as radiais madrileñas, temos dereito a que se rescate aos galegos desas peaxes.
“Debe haber un gran acordo pola lingua e un cambio de modelo: un terzo dos nenos non sabe falar galego”
A cuestión lingüística centrou parte do seu choque con Rueda no debate da CRTVG. Se goberna o BNG, haberá clases só en galego ou cal será o seu modelo?
É fundamental que exista igualdade no coñecemento para que poida haber liberdade de elección. O actual modelo do PP prohibe as Matemáticas e Física e química en galego. Cando se avaliaron as competencias lingüísticas, o resultado é que o 100% dos nenos e nenas saben falar castelán, pero un de cada tres di non saber falar a nosa lingua propia. Ten que haber un cambio. Se ti non coñeces a túa lingua, non tes liberdade para poder elixila. Quen debe dar explicacións é o PP, que leva 15 anos arrecunchando o galego cun presidente que votou en contra de que se puidese usar no Congreso. É vergoñento.
Entendo o razoamento, pero o programa nun dos puntos di apostar por “elaborar un modelo de inmersión lingüística co obxecto de conseguir a plena normalización lingüística e un ensino totalmente en galego”. Sería así?
O noso modelo é o modelo recollido na Carta Europea das Linguas, aprobada no 2000 ou 2001 e ratificada polo Goberno de Aznar. E di que ten que haber procesos no ámbito educativo que garantan o coñecemento da lingua porque se está a producir unha perda da propia transmisión familiar. Hoxe en día, hai moitos nenos e nenas que entran pola porta da escola falando galego e saen sen falalo. A min nunca se me achegou ningún pai ou nai e me dixo: “Mira, o meu fillo entrou falando castelán na escola e xa non sabe falalo”. Sen embargo, si se produce á inversa.
Perdoe que insista, pero non me respondeu se será un modelo exclusivamente en galego...
Creo que é simplificar a proposta do BNG e non poñer o foco no que realmente importa. Dicimos que ten que haber un gran acordo pola lingua e ese gran acordo tamén ten que chegar ao sistema educativo. Sabemos que para recuperar a lingua o galego ten que ter un espazo importante para garantir esa igualdade. O importante para min non é o medio, senón o fin: garantir o que di a Lei de Normalización Lingüística, que é que todos os nenos e nenas rematen o sistema educativo cun dominio das linguas oficiais. A día de hoxe, o actual modelo é que un de cada tres di que non saben falar galego e o 100% sabe castelán. Queremos un modelo que sexa o resultado dun gran acordo pola lingua.
- Almudena Cid ya habla de su embarazo tras comenzar una nueva vida con su pareja: 'Estoy bien, tranquila, súper bien
- 19 detenidos en la provincia de A Coruña por estafar 500.000 euros en Tenerife mediante el 'timo del sicario
- Pichis, director de Marina Coruña: «Prefiero cien niños que aman el mar antes que un campeón que deja la vela»
- Un buey de 2.000 kilos de Lugo a Riazor
- Un piso de tres habitaciones en O Ventorrillo se vende por 140.000 euros
- ‘Punto negro’ de multas en el nuevo San Andrés
- Encuentran desorientado en Zamora a un vecino de A Coruña que llevaba cuatro días desaparecido
- Ni Combarro ni Allariz: este es el pueblo medieval que tienes que visitar en Galicia