Defínese como socialdemócrata e galeguista e no seu horizonte está mellorar o mundo do deporte na cidade e tamén a igualdade, non só entre homes e mulleres, senón tamén cos discapacitados. Hai catro anos foi candidata do BNG nas eleccións municipais. Uneuse ao proxecto de Mar Barcón polo seu "compromiso" co deporte.

-Forma parte da cota independente da lista do PSOE, como acaba nesta candidatura?

-Hai tres anos estaba desputando o campionato de España en Almería e Mar Barcón era unha dos 5.000 amigos que teño no Facebook. Dela sabía que era concelleira do PSOE e pouco máis. Quedamos campionas estatais e a primeira mensaxe que recibín foi a dela. O que pensei foi que me ía chamar para sacar a foto, o que fan todos os políticos cando gañas algo, apuntarse para a foto. Cheguei á Coruña coa sorpresa de que non me chamou. E pensei, de que vai? E empecei a seguila nas redes sociais. Decateime de que estaba completamente implicada co deporte coruñés.

-Tivera ido con outra formación política se tivese a mesma implicación co mundo do deporte?

-Eu son socialdemócrata e galeguista e, máis ou menos, coincido co PSOE. O que eu quero é achegarlle á sociedade algo no eido do deporte e Mar tendeume a man para que poidese facelo.

-A súa presenza na lista e, se se dá despois das eleccións, no futuro goberno, está totalmente orientada ao deporte.

-Eu non sei o que vai facer Mar, pero eu supoño que si. Cando me chamou díxome que precisaba unha persoa que lle botase unha man no deporte.

-Como se pode mellorar a situación do deporte na cidade?

-Recoñezo que, nestes catro anos, algo se fixo ben, sobre todo na igualdade. Síntoo por [edil de Deportes, Francisco] Mourelo, pero voume anotar o tanto, porque hai dous anos chameino para pedirlle unha entrevista porque quería que incluísen o fútbol feminino no cartaz do Teresa Herrera e, a verdade, é que todo foron facilidades e que agora está incluído. Un dos meus obxectivos é loitar pola igualdade e en contra da desigualdade de xénero que atopamos a diario no deporte. Aí todo foron facilidades, pero hai moitas cousas mellorables.

-Cales?

-Están facendo unha aposta grande polo atletismo popular pero o federado está deixado da man de Deus. Denís Galán acadou o subcampionato de España Universitario e igualou o récord de Hornillos. Temos a Mauro Triana que quedou campión estatal batindo o récord galego e esta xente non ten pista para adestrar. Están alí na Universidade e a situación é lamentable. Se ves o chan, nin sequera agarran os tacos. Hai que apostar por esa xente que é a que realmente está paseando o nome da cidade da Coruña por todo o Estado.

-E que máis melloras propón para as carencias existentes?

-Pois non hai piscinas axeitadas no Concello para adestrar natación sincronizada, a única que hai é a da Casa da Auga, pero é privada, así que os clubes teñen que ir a outros concellos para poder adestrar. As rapazas do rugby -que acadaron por primeira vez seren campioas estatais- so teñen o campo da Universidade por unha concesiónque lles dan. Non hai ningún campo na Coruña adaptado para o rugbi e hai 300 deportistas. Se falamos de fútbol gaélico, que é un deporte emerxente, ten xa un cento e carece de campo adaptado.

-Son facilmente mellorables?

-Nós desde logo, unha das nosas apostas é facermos unha pista de atletismo cuberta. A Coruña ten unha débeda con esta xente e é unha das prioridades.

-Onde se podería facer?

-Eu creo que en calquera nave das que hai pola Grela xa chega. Xuntas dúas naves e é moi fácil, hai meter a pista e xa está. Eu creo que non chega a 300.000 euros e dura quince anos. Podiamos traer probas de atletismo, que traen a moita xente á cidade.

-En que outros eidos lle gustaría participar?

-Sobre todo na igualdade, non só na da muller senón tamén na dos discapacitados. O outro día coñecín a Martín Varela, de tenis en cadeira de rodas. Ten os mesmos problemas que as mulleres. Un home que leva oito mundiais e que é case invisible. Está cun pé en Río de Xaneiro e que che diga que o seu maior éxito é rematar a tempada sen perdas económicas, é lamentable.

-E como se podería solventar esa situación, con patrocinio municipal?

-Eu creo que as institucións teñen que apostar. Eu penso que, a igual esforzo, ten que haber igual recompensa. Esta xente, se está no ranking nacional ou estatal, tería que ter o mesmo recoñecemento que outro tenista que non sexa discapacitado. As institucións teñen que meter man e obrigar a que nos traten por igual a homes, mulleres e discapacitados.