O profesor Jorge Antonio Quindimil preséntase no número un da lista de Ciudadanos pola provincia da Coruña. Asegura que a súa entrada na política se debe, en parte, aos seus alumnos da Facultade de Dereito, aos que ensina Dereito Internacional Público.

-Como chega a presentarse a unhas eleccións para ser senador nun partido novo?

-Din este salto á política por culpa dos meus estudantes. En xeral adoito facer moitos debates na clase e este ano houbo unha especial participación dos alumnos en temas políticos. É certo que a situación non é moi boa, os conflitos armados, os migrantes, os refuxiados, Grecia... E todo isto á marxe da crise económica que xa a viñamos arrastrando e de Cataluña.

-Como lle afectaba?

-Eu fíxenme máis crítico a medida que eles tamén o eran. Sen decatarme, estaba falando máis de política na miña vida. O día no que me elixiron padriño de promoción, estaba diante de 500 persoas, entre elas 120 estudantes. Eran persoas que xa tiñan o seu título debaixo do brazo e preparadas para saíren á rúa na busca do seu futuro, pero a España á que saen agora non é unha España que lles dea grandes oportunidades. Nestes anos fomos perdendo dereitos, liberdades e oportunidades; en definitiva, benestar. É unha responsabilidade de quen nos trouxo até aquí, que hai aspectos moi positivos. Unha sociedade desenvolvida como a nosa ten que aspirar a maiores cotas de benestar. Pódese achacar á crise internacional, pero tamén se están a facer cousas mal. Iso é algo que a cidadanía percibe e determinados partidos políticos fórono canalizando. Desde logo, Podemos, que foi quen ao principio contribuíu a abrir os ollos da xente. É verdade que, despois, o seu discurso foise descafeinando, perdeu forza e coherencia e é aí onde aparece Ciudadanos. Eu vendo o panorama electoral que tiñamos pensaba, a quen vou votar?

-E que se contestaba?

-Eu votara a partidos tradicionais que fallaran ao meu voto, así que buscando algo que me dese esperanza e ilusión dentro do panorama electoral, fixeime en Ciudadanos. A Podemos xa o coñecía pero, por diferentes razóns, obviamente, non entrei. Atráeme, sobre todo, o feito de conectar o movemento político de Ciudanos cun galego universal, que é Salvador de Madariaga. El vía a vida, a política e a sociedade, cos dous ollos, porque o que só a ve co ollo dereito é torto do esquerdo e ao revés. Ao ser profesor de Dereito Internacional Público nunha Universidade pública estou preocupado pola evolución das sociedades.

-Di que votou a partidos tradicionais, formaba parte dalgún?

-Non, eu non son político nunca estivera en política, pero si que estou comprometido co público.

-E como se presenta ás primarias para o Senado?

-Por casualidade; de feito, eu pensaba que non podía porque, por estatutos, esíxese un mínimo de seis meses de afiliación para se poder presentar, pero tamén hai unha excepción, que permite que, se che autoriza Barcelona, te poidas presentar. Tiven un bo resultado e aquí estou, todo isto nun mes.

-E por que se presenta ao Senado e non ao Congreso, que ten máis poder e máis funcións?

-Porque as primarias do Congreso foron no verán, cando eu levaba nada máis que uns días afiliado, polo que non me podía presentar. Se se desen as circunstancias si que me tería presentado.

-Que peso vai ter A Coruña se consegue chegar ao Senado da man de Ciudadanos?

-Temos o obxectivo principal de pecharmos o Senado, porque é unha cámara que non está a representar os intereses territoriais, que é do que se trata. Tal e como está deseñada é só de segunda lectura. As leis impúlsaas case na súa totalidade o Congreso e despois recíbeas o Senado, pode vetalas ou modificalas, pero o Congreso pode non facer caso de nada do que diga o Senado. Hai que ter en conta que estamos falando dun gasto de 52 millóns anuais, que irán destinados ao mundo da cultura. Ciudadanos é un partido pragmático que está por enriba das ideoloxías para dar solucións aos problemas.

-Non é contradictorio presentarse para entrar nunha institución que queren pechar?

-Non, porque, é necesario ter maioría no Congreso e no Senado para poder modificar a Constitución, que é o que se precisa para pechar o Senado. En tanto que non consigamos ese obxectivo, temos que conseguir que funcione mellor. É imprescindible termos representación para poder pechalo.

-Que postura tomará Ciudadanos en canto a proxectos que a cidade ten aínda por decidir en Madrid. Está Alfonso Molina con máis ou menos verde, está a intermodal, o saneamento da ría do Burgo...?

-A ese nivel de detalle, a miña resposta complícase. Ciudadanos está aínda en expansión e o que estamos a facer é implementar a mensaxe a nivel autonómico, provincial e, despois, municipal. Ciudadanos ten unha política evidente, que é estar ao servizo dos cidadáns. A mensaxe que poidamos dar aquí na Coruña sobre a ampliación de Alfonso Molina non é diferente do que poidamos dicir noutros lugares, porque nós compartimos unha mensaxe unitaria, que parte da Constitución, que recoñece singularidades, como a do idioma, que me toca moito dentro, porque parece que o galego só o defenden uns.

-Pero co posicionamento de Ciudadanos en Ferrol...

-A mensaxe que chegou non foi a correcta. Ciudadanos baséase na Constitución e no Estatuto de Autonomía para defender a cooficialidade do idioma. Non pode servir a lingua como elemento de discriminación.

-Entón, dentro de catro anos, se gaña Ciudadanos, non haberá candidatos ao Senado.

-A Constitución é un documento que a xente está desprezando e foi o que nos permitiu saír dos anos máis escuros da nosa historia, da dictadura franquista, acadamos ese pacto co esforzo de moita xente e, agora, non se trata de desprestixiala, senón de reformala. O PP non quere tocala, pero hai que adaptar as normas á realidade social. Hai que racionalizar este país e facelo máis eficiente. Cando Ciudadanos fai propostas fala de cousas concretas para situar a España nos mellores lugares de desenvolvemento humano, que non é só falar de economía.