-A enquisa do CIS deixa a NÓS sen representación pola Coruña. Que perspectivas teñen?

-Esa enquisa é unha foto fixa de hai máis dun mes, cando NÓS- Candidatura Galega non tiña nome nin se coñecían os candidatos. Hai que collela con moita cautela. Nós estamos vendo unha receptividade incrible nos nosos actos. O outro día nun deles unhas señoras dicíanme que antes tiñan moitos prexuízos contra o nacionalismo pero que agora, desde que recuperaron os aforros grazas ao traballo do BNG, están con nós. Dinlle ás amigas que hai que votar polos da estrela, que "son os que nos defenden".

-Teme que o feito de usar unha marca electoral nova poida pasar factura? As siglas do BNG estaban xa consolidadas.

-Somos unha continuación do traballo do BNG, que se caracterizou sempre por unha coherencia de esquerdas e de defensa de Galicia. Nós presentamos no Congreso, antes incluso que outras forzas estatais, medidas como a dación de pagamento retroactiva. Somos continuadores desas dúas vertentes pero agora con máis motores, máis partidos e máis xente que a título individual decidiu sumarse.

-Que perdería Galicia sen a presenza de NÓS no Congreso?

-De NÓS-Candidatura Galega depende que Galicia estea presente cos seus problemas ou que non estea e non se fale dela. Vímolo moi ben no debate a catro da pasada semana, onde se dedicaron cero segundos aos problemas de Galicia.

-Os deputados galegos das forzas estatais din que tamén fan o seu traballo a favor dos intereses de Galicia.

-A cuestión é votar a favor dos intereses galegos nas cámaras e non só prometer en campaña. Despois pasan escenas nas que o mesmo partido vota no Parlamento galego a favor da transferencia da AP-9 a Galicia e os seus deputados no Congreso de Madrid votan en contra. As forzas estatais traizoan continuamente a Galicia porque a nivel electoral non lles interesa. Por exemplo, o sector galego do leite poden ser 50.000 persoas. A eles electoralmente non lles supón nada pero para nós é fundamental. E quen di o leite di o cerco, di os estafados bancarios ou os nosos salarios e pensións, que son os máis baixos do Estado.

-Sobre o dos salarios, haberá quen alegue que tamén os prezos son máis baixos aquí.

-Se iso é así que expliquen por que temos as autoestradas máis caras ou por que temos unha tarifa eléctrica tan cara coma o resto. Estamos na cola en salario pero á cabeza en horas traballadas. Hai unha discriminación salarial, laboral e tamén territorial que non podemos esquecer.

-Que solucións propoñen para paliar esta "discriminación" de Galicia?

-O primeiro é poñer a Galicia na axenda, porque un problema non se pode resolver se non se ten en conta. A solución fundamental a nivel galego é poñer o país a producir. Mentres que en España os empregos destruídos estaban vencellados á construcción, no caso galego a maioría dos empregos perdéronse na industria, no agro e na pesca. Cada vez que un mariñeiro do cerco non pode pescar, pérdese ese posto de traballo e entre tres ou cinco empregos en terra. E iso leva a que outros postos se precaricen e a que moitos mozos vivan con infrasalarios. É un fenómeno que se dá noutras partes do Estado pero aquí con especial incidencia.

-Nestas eleccións En Marea aspira a ter grupo parlamentario propio galego. Por que cre que eles non defenderían os intereses de Galicia igual que NÓS?

-En Marea-Podemos, que é o que di a papeleta, forma parte dunha estratexia de Podemos a nivel de Estado, que é lexitima. Nós pedimos coherencia de esquerdas e non andar cambiando o programa electoral a golpe de sondaxe pero tamén garantimos que ninguén nos impoña límites á hora de defender o país. Imos evitar que goberne a vella dereita do PP e a nova dereita de Ciudadanos e a partir de aí teremos as mans libres para negociar e defender políticas de esquerdas e que Galicia estea na axenda. Nin PSOE nin En Marea poden dicir o mesmo porque xa teñen un compromiso firme sobre a quen van apoiar.

-Unhas das vosas principais propostas é a creación dunha tarifa eléctrica galega. En que consistiría esta medida?

-Galicia ten en pleno ano 2015 400.000 persoas en risco de pobreza enerxética, é dicir, xente que non ten cartos para pagar a factura cada mes. E isto acontece nun país que é a primeira potencia do Estado en producción eléctrica e que, pola contra, non recibe nada a cambio do custe ambiental que isto supón. Se aos galegos non se nos cobrasen os costes de transportar a enerxía eléctrica que nos quitan, o que se coñece como as peaxes, reduciriamos a nosa factura nun 30%. Iso atraería moitas empresas a Galicia, como se demostrou noutros países onde se aplicou.

-Haberá quen lles acuse de rachar coa solidariedade interterritorial do Estado.

-A solidariedade haberá que aplicala con quen a precise. Non pode ser que Galicia estea nunha peor situación económica, laboral e demográfica que o resto e que, por riba, sexa discriminada. Se ti produces algo debes recibir algo a cambio. Hai un certo dogma que di que ten que haber unha única tarifa para o Estado por iso da unidade territorial. A eses hai que lembrarlles que no propio País Vasco teñen unha tarifa industrial diferente e que en países como Reino Unido ou Alemaña aplícanse tarifas diferentes para as zonas produtoras de electricidade.

-Que plan ten para frear a sangría da emigración e que poidan voltar os mozos emigrados?

-A clave é poñer o o país a producir naqueles sectores que poden ser punteiros e que están indo a peor. Por que razón un barco vasco ten tanta cota como 40 barcos galegos? Non hai ningunha razón técnica, son só criterios políticos á hora de distribuír o goberno esas cotas. Quen ten peso político tense en conta e a quen non o ten utilízase como moeda de cambio. O mesmo pasa co leite, cando somos dos territorios europeos con maior potencial para a producción agropecuaria. Estamos a vivir a vida pobre dun país rico.

-O leite e o cerco son sectores que agora xa non dan a carga de traballo de hai décadas. Moitos dos emigrados son titulados universitarios que non teñen pensado traballar aí. Pensa que se poden sentir interpelados por ese discurso?

-O sector servizos é fundamental pero para que exista ten que haber outros sectores productivos que xeren riqueza. Cada vez que un barco deixa de pescar ou pechan as explotacións agrarias, pechan tendas e iso provoca un efecto dominó. Galicia ten as condicións para crear riqueza a partir de aí e son decisións políticas as que o impiden. Iso non quita que teñamos unha serie longa de medidas para defender o emprego no sector servizos. Non é razoable que o pequeno e mediano comercio pague un Imposto de Sociedades do 25% cando despois as grandes fortunas teñen ferramentas para pagar o 1% a través das Sicav. Ou, por exemplo, que os autónomos paguen 300 euros de cota fixa ao mes independentemente dos ingresos que teñan. Nós esiximos unha progresividade niso.

-Que postura defenderá NÓS sobre investimentos para a cidade e comarca da Coruña?

-O saneamento da ría do Burgo é fundamental. Hai 15 anos que debería estar feito e non está. Tamén precisamos unha rede de transportes acaída, mesmo a nivel ferroviario, modernizando o tramo A Coruña-Ferrol, que é decimonónico. Os horarios e tarifas teñen que actualizarse ás necesidades de pensionistas, estudantes e non podemos ver esas imaxes de estudantes amoreados nos trens en horas punta. O financiamento do porto exterior ten que ser ao cargo do Estado. A tarifa eléctrica da que falaba tamén sería boa para manter os postos de traballo en Alcoa, que ameaza con deslocalizarse polo coste eléctrico.

-Semella que nesta nova lexislatura abrirase o debate territorial. Cal é a súa postura?

-Ante todo que Galiza ten que seguir recoñecéndose como a nación. A Constitución nestes momentos é un corsé que nin garante dereitos sociais nin recoñece a pluralidade nacional. Non chega con cambiar un par de artigos. Nestas eleccións hai dúas opcións a escoller: que Galicia continúe a ser unha nación como o que é ou que colla o camiño de ser unha provincia. Outros territorios do Estado, como Euskadi ou Cataluña, van estar colocando a súa voz con nitidez no debate de reforma territorial. Para os galegos é fundalmental estar.

-A cal dos candidatos prefire para ser o novo presidente de España?

-O fundamental é evitar que goberne tanto a vella como a nova dereita. A partir de aí imos negociar de acordo cos intereses de Galicia sen ningún tipo de ataduras.

-Para vostedes Pedro Sánchez e Pablo Iglesias son o mesmo?

-O que sabemos é que as forzas estatais prometen en campaña cousas que logo incumpren. Nós queremos traballar para dar a cara en defensa dos intereses do país e teremos as mans libres para facelo.