A finais de febreiro, Ana Pontón tomou as rendas do BNG. A tamén candidata á Xunta sinala que o papel da súa formación será "clave" para tumbar o PP nas autonómicas e culpa ao contexto electoral de que a súa formación volvese perder apoios e non chegase sequera ao 3%. O pasado 20-D, quedara fóra do Congreso por primeira vez desde 1996.

-Pensou algunha vez que o BNG obtería menos do 3% nunhas xerais, a falta do voto por correo?

-Tiñamos dificultades para meter cabeza neste debate a catro onde Galiza estivo desaparecida. Traballamos coa expectativa doutro resultado, mais o contexto era moi adverso. Insatisfacción, pero tampouco creo que houbese nesta situación posibilidades reais dun resultado mellor.

-A campaña do 20-D foi similar e lograron 26.000 votos menos. A perda de apoios é constante e non semellan servir os procesos de refundación.

-Non hai solucións máxicas. Hai unha nova dirección que en catro meses tivo que enfrontar unhas novas eleccións e non deu tempo a profundizar nos cambios e nunha nova estratexia. Hai que profundizar na renovación, novos métodos de actuación social e ter maior capacidade para difundir as alternativas nacionalistas. A campaña aínda estivo máis mediatizada e presentouse como unhas presidenciais e non lexislativas. Os únicos que tratamos de meter cabeza respecto os problemas dos galegos fomos nós.

-Explica así que Ciudadanos lles saque case 90.000 votos sen estrutura nin candidatos coñecidos?

-A xente viviu estas eleccións en clave de goberno, non de representantes. Albert Rivera tivo máis espazo electoral que calquera candidato do BNG desde o punto de vista mediático. Reflicte que foi unha campaña moi estatalizada. Non creo que sexa o escenario dunhas galegas ou municipais.

-Ese escenario ten volta atrás?

-Nada é eterno. O que pasa nunhas eleccións non ten que repetirse noutras. O que pasou o 26-X non se repetiu o 20-D. A estratexia de PSOE e Podemos consolidou á dereita no Estado.

-Corre o risco o BNG de ser intrascendente na política galega e incluso perder o grupo parlamentario no Hórreo?

-Para nada.

-Como di que nada é eterno, o BNG tampouco.

-Nin o PP nin Feijóo. Unhas galegas non reproducen a dinámica das eleccións estatais, igual que pasa coas municipais. Nas galegas, o BNG ten estrutura, voz no Parlamento e o aval do seu traballo. O escenario vai ser diferente.

-Negativo?

-Non. Temos alternativas sólidas. O BNG vai ser a peza clave na derrota do PP.

-O BNG perde 26.000 votos e En Marea 67.000 nun contexto que debuxaron de recortes e emerxencia social. Por que queda na casa voto progresista e nacionalista?

-Había moito cansanzo por estes seis meses previos. PSOE e Podemos tentaron xustificar quen era o responsable de que non houbese goberno. Desmobilizou parte dese voto. E unha vez que as enquisas non nos daban representación, desmotivouse o electorado nacionalista. Non tivemos capacidade de movilización. Debemos facelo ahora para derrotar a Feijóo.

-Os datos din que o ten máis doado que o 20-D.

-Non, din que nunhas xerais Mariano Rajoy ten máis apoios. Feijóo non se presentou.

-E din que a esquerda xa non está por diante do centro-dereita en Galicia.

-Esa é a lectura dun escenario estatal logo dunha lexislatura fallida, onde tanto PSOE como Podemos o fixeron rematadamente mal e antepuxeron os seus intereses e egos persoais a un acordo para desterrar as políticas da dereita. Esa estratexia demostrouse errada porque o PP saíu fortalecido, pero facer disto a consolidación de Feijóo paréceme retorcer a realidade. Non ten un balance que presentar que lle permita revalidar a maioría absoluta. Galicia está peor que cando chegou en salarios, calidade de vida? Deixa unha Galicia máis pobre.

-Pesan no electorado as súas críticas a PSOE e En Marea para non restarlle apoios e sinalar as dificultades do contexto máis que a autocrítica? Desde Amio?

-Vai moi atrás.

-E que desde entón o BNG vai para abaixo. Nos 90 o BNG recibía moitos votos e era a forza do cambio...

-O BNG tivo nos 90 moi bos resultados froito dunha situación que non é homologable. Vivir co retrovisor non dá réditos. Eu son portavoz nacional desde hai uns meses e teño claro que o traballo da actual dirección é para reforzar o nacionalismo: o mellor antídoto fronte as políticas da dereita que causan un desastre social é o BNG, que vai ser peza clave nas eleccións de outono. A nosa preocupación non son os anos 80 ou 90, senón o futuro. Somos clave para mudar a política. Os que prometían un cambio o que fan, coa súa estratexia, consolidan o PP e pesaron máis egos e personalismos que as políticas alternativas. O BNG ten traballo e defende un espazo político que ninguén ocupa. Podemos ter momentos mellores ou peores, pero iso non quere dicir que teñamos que deixar de ser nacionalistas. Temos que reconectar con xente necesitada dunha alternativa clara.

-Tenderíalle a man a Anova para as autonómicas?

-O BNG ten as portas abertas a quen teña vontade de construír unha alternativa nacionalista.

-Como antes censuraba os personalismos...

-O ego é moi mal conselleiro e frustra demasiados proxectos.

-En Galicia quen lastrou máis a unidade nacionalista: Beiras ou Pablo Iglesias, atraendo a Anova?

-Non entro niso, pero Pablo Iglesias non é nacionalista galego.

-Di que o 26-X non é extrapolable, pero desde as municipais do ano pasado, nas que o PP levou un tremendo golpe, vai mellorando. Cre que se está a recuperar?

-Non. Nas xerais é froito do desacordo do PSOE e Podemos, puido ter impacto o Brexit, reforzando a mensaxe de necesidade de solidez frente a un proceso que podería xerar certa incertexa en parte da poboación... Foron varias cousas.

-Haberá unhas terceiras xerais?

-Non o descarto. Se estivese na man do BNG, o PP non gobernaría.

-As autonómicas son a proba do seu liderado?

-As eleccións non son nunca unha proba persoal. Son unha oportunidade para asinar a carta de despedimento de Feijóo e pór en marcha políticas a prol das maiorías sociais. Seremos a clave da súa derrota.

-Intúe un tripartito?

-Non podemos engañar á xente. A alternativa vai ser a tres.

-Pode ser unha alternativa parlamentaria a tres e un goberno a dous como nalgunhas cidades.

-Tampouco imos entrar niso.

-Poden lastrar a alternativa as feridas destes meses?

-Eu non teño ningunha.

-Pero falou de egos e personalismos de posibles aliados.

-Terallo que preguntar a quen non foron quen de porse dacordo. O BNG sempre antepuxo os intereses do país a posicións partidistas. Cando dependeu do BNG, o PP non gobernou, a veces con grande custo para nós.