A campaña electoral da Marea Atlántica en 2015 remata un venres inesquecible. Se a memoria non falla, un 22 de maio. O grupo da candidatura, o equipo de campaña e unha nutrida representación deste singular movemento cidadán protagonizan un tour final onde a mestura de expansivo acto de alegría, exemplo de resistencia e camiño de empatía recorren de principio a fin toda a cidade, finalizando na rebautizada Ribeira do Cómaro. Se o protagonismo coral provoca un crescendo de afectos na sucesión de actos desa quincena de días de maio a coda, con imaxes detalladas, con lugares e rostros precisos, retrospectivamente parece anticipar o desenlace. Unha xornada emotiva, esperanzadora, perfecta simbiose ou sinal do movemento cidadán e espazo de confluencia que „aínda non o sabe„ vai gobernar a cidade de inmediato.

A campaña de Marea Atlántica en 2015 non figuraba nas escenas d' El candidato (1972) de Michael Ritchie nin en 1974. Une partie de campagne (1974) de Raymond Depardon. Observando a sal gruesa de Vota a Gundisalvo (1977) de Pedro Lazaga tampouco había pisadas. E nas narracións incisivas de Hunter S. Thompson ou no Bulworth (1998) de Warren Beatty só atoparíamos intuicións, ideas, indicios de radicalismos sensatos e procedentes nos que avanzar. A través dun repertorio áxil de accións imaxinativas e próximas, variadas e refrescantes, a idea das campañas políticas centradas no relato fundamentalista ou en actos de guiñol, prefigurados nun frío guión, rompe nese maio atlántico. A mareancia terá a ben facer todo e de todo. E como adoitamos dicir: "Coas nosas mans".

Malia a boa memoria, recoñezo que non gardo demasiados recordos concretos. Logo tivemos catro anos moi intensos. Pero si sensacións. Ganas. Ilusión. Responsabilidade. Responsabilidade antes que presión. Ou o cumprimento dos soños de xustiza de tantas vidas. Alentado por un prescritivo permiso laboral, vivo un frenesí onde a coherencia, o afán mesmo lingüístico (textos, discurso, programa, leituras), o buceo constante na historia da cidade, a claridade dun modelo sociopolítico explorado durante meses en colectivo e decididamente honesto, digno e necesario, dominan os días.

Por todo iso nunca cansarei de repetir que a maior sorpresa electoral na historia da cidade ten rasgos propios. Aqueles días amosaron que a imaxinación creadora, as consecuencias do poder popular e as manifestacións do coñecemento compartido teñen algo máis que espazo na nosa sociedade.

José Manuel Sande foi membro da candidatura de Marea Atlántica nas eleccións municipais de 2015 na cidade da Coruña, nas que foi elexido concelleiro.