Hai catro anos Vilasantar viviu un momento crítico. Vostede chegou a falar dunha situación insostible. Como están agora os números?

A día de hoxe podemos dicir que temos unha economía saneada, temos superávit, temos tesourería. Hai que dicir a verdade: incumprimos a regra de gasto. Esa regra é un disparate económico, se tenemos superávit, temos que gastar os cartos. Non o penso só eu, tamén o pensan a maior parte dos alcaldes e a Fegamp.

A regra do gasto foi cousa do ministro Montoro, do PP...

Da igual, dígollo a quen sexa.

Solicitou máis independencia á Deputación nas axudas. O plan único contribuíu a mellorar a situación?

Bueno, a verdade é que lle está dando máis autonomía ao concello, os números están aí.

Vilasantar non deixa de perder poboación. Como prevé reverter a situación?

En Vilasantar temos o mesmo problema que no resto do rural. Está claro que ninguén marcha de onde vive se ten traballo. O primeiro que hai que saber é o que somos e o que temos. Vilasantar é un concello agrario, gandeiro e forestal e temos que aproveitar a implantación de dúas grandes empresas a menos de dez kilómetros, unha leiteira e outra forestal. Esas empresas precisan o que nós temos e grazas ás concentracións agrarias que están a piques de finalizar temos terreos amplos e rendibles. Tamén queremos fixar poboación bonificando ás empresas que creen emprego.

Este tampouco foi o mandato do plan xeral...

Non, tivo que pararse porque fomos un dous poucos concellos de Galicia ao que lle concederon dúas concentracións parcelarias. Tivemos que paralo porque o viario e o territorio mudou e queremos retomalo unha vez finalizadas as concentracións, arredor do primeiro semestre do 2020. Queremos retomalo e crear unha pequena bolsa de solo para iniciativas empresariais locais.

Cal é a súa proposta estrela?

O máis importante e pór en marcha mecanismos para fixar poboación. Fomentar o alugueiro das vivendas baleiras, ofrecer incentivos á natalidade e dar o maior apoio posible ao noso colexio. Tamén queremos firmar un convenio coa Xunta para poder utilizar a vivenda comunitaria de servizos sociais como centro de día para os nosos maiores e impulsar a ruta dos muíños. Quero un Vilsantar máis moderno que se adapte á nova realidade para que non desapareza.