Non podo presumir, dende logo, de ter unha extraordinaria bagaxe previa sobre a miña implicación nunha campaña electoral, e menos ao nivel de esixencia e exposición do vivido nas eleccións municipais do 2015 coa Marea Atlántica. Aínda así, e dende a constitución no ano 2011 do partido ecoloxista Equo, fun arrimando o corpo de xeito consciente dende posicións pasivas, para ir dando pequenos pero firmes pasos cara a unha participación política activa. As eleccións europeas do 2014, que estiveron marcadas pola primeira irrupción de Podemos nas institucións, foron tamén as eleccións nas que o mozo enxeñeiro, activista e ecoloxista Florent Marcellesi conseguiu a súa acta como eurodeputado por Equo, dentro dunha coalición que levaba o fermoso nome de "Primavera Europea". Daquela, nunha campaña de escasos recursos económicos e poucos pero valiosos recursos humanos, a campaña consistiu en visibilizar e comunicar dun xeito diferente e orixinal, enmarcado nunha economía de guerra. Abundaron os repartos en bicicleta por toda a cidade e, na noite de inicio de campaña, fíxose unha pegada de cartel virtual cun proxector alimentado por unha batería contra a fachada lateral do Museo de Belas Artes, na rúa Panadeiras.

Pero o vivido no 2015 foi diferente, e moito. A Marea Atlántica agromou da parte baixa da pirámide, dunha base humana activa no social e sufridora en carne propia dos grandes defectos da deshumanización da política. A Marea Atlántica naceu de moitas mans, naceu da chispa de moitas mentes capaces de facer moito con pouco, naceu dunha intelixencia colectiva que semella unha milagre dificilmente replicable en outro momento e en outro lugar que non fose na Coruña do 2015. E aí, nese momento e nese lugar, sucederon cousas marabillosas. Non alleas ao factor humano, ás tensións, aos cansazos, ás olleiras ou ás rifas? pero marabillosas no seu conxunto.

Agora, na presente campaña xógase un partido diferente. Mesmo lugar e distinto momento no que a bagaxe do ciclo electoral pesa para ben e para mal. Xa non somos recén chegados, na mochila da campaña levamos a experiencia do goberno da cidade, os acertos e os erros de catro anos, levamos o cansazo acumulado, levamos os días e as noites que lles debemos ás nosas familias, levamos as cervexas non tomadas cos nosos colegas, levamos a experiencia de abrirnos á xente de todos os barrios e lugares da cidade e levamos o feito e o non feito.

Quedan once días nos que se enfrontan dous xeitos de facer política, unha dicotomía de regos profundos: a dos pés na terra fronte ao do todo vale, a da praza no pazo fronte ao da mesa de restaurante, a da xente do común fronte á elite. E aí, a Coruña do 2019, elixe.

Foi candidato de Marea Atlántica nas eleccións municipais de 2015, nas que resultou elixido concelleiro