Nos corredores de Bruxelas é coñecida como Madame Galice, pero Ana Miranda (1971) non oculta o seu novo alcume: a deputada che parla più. Impúxollo o presidente da Eurocámara, o italiano Antonio Tajani, para resaltar a frenética actividade da nacionalista, de novo candidata do BNG ás europeas, no seu afán por poñer enriba da mesa comunitaria asuntos como a pesca, o Corredor Atlántico ou o financiamento. E como non, o esclarecemento do sinistro do Alvia.

Imaxine que está fronte a un galego que descoñece a importancia da UE para Galicia... como lle animaría a votar?

Decídense moitísimas cousas da súa vida. Dende os plásticos que merca nunha botella, a composición da roupa, o prezo da luz, a cadena alimentaria e as decisións macroeconómicas. Se ten salarios máis altos ou máis baixos, ou as pensións. Votar tamén significa que alguén poida estar alí para falar das cousas propias dun galego, como a calidade da auga, a pesca, a agricultura, o medio ambiente?

Preséntase con Bildu e ERC ás europeas, o protagonismo mediático do procés pode eclipsar os intereses de Galicia?

Non. Temos a suficiente personalidade, capacidade e un traballo feito que nos avala. Presentámonos en coalición porque desgraciadamente non podemos ter un escano sós. Se non, o fariamos, eso está claro. A tradición de compartir é algo normal e en Europa tamén. Se non tes consenso con determinados partidos, alí non sacarías nada. Serías un entre 751.

Atácaselle tamén por ese flanco, por ser socia de Bildu e Esquerra.

Que miren o traballo feito. Hai moitos partidos que prefiren atacar por aí porque se non porían en evidencia o pouco que traballaron os seus deputados. A min como non me gusta falar de ninguén, prefiro falar do meu traballo, que se defende só.

Vai de número cinco pero o un é Oriol Junqueras e as enquisas dánlle. Pode ter máis protagonismo nesta lexislatura?.

Humildemente, creo que si. En realidade é un catro efectivo. O CIS estanos a dar tres e nós facemos un chamamento para obter o cuarto, que dende logo sería o escano galego. A xente está valorando moi ben o noso traballo: o Alvia, a cuestión da pesca, contra a precariedade laboral, a loita do xeito... Algo que demostramos nesta lexislatura „e que o está a recoñecer moita xente doutras ideoloxías„ é que o escano do BNG é de país non che pregunta se nos votaches a nós. Traballas para todos, para toda a xente galega. Ademais, a min non se me subiu o cargo. A xente ás veces cambia ao chegar alí e eu sigo indo no mesmo Vitrasa, e ás mesmas tendas.

O Brexit suporá un burato no orzamento de 15.000 millóns, e hai ameaza de recorte 1.140 millóns en fondos para Galicia, temos que asumir xa que vai haber tesoira?

A situación está aberta. Estamos vendo un vaivén na negociación do Brexit. Esta incerteza está provocando que quen vaia "pagar o pato" sexamos as periferias. Non creo que vaia ser Alemania. O que lle pedimos a Eurocámara é que non se recorte a cohesión. A cuestión é que se está deixando de apoiar aos que están en situación de máis dificultade precisamente por apoiar á defensa. Ou sexa, non hai cartos para unha cousa e os hai para outra? Por iso é necesario ter escano de país e esixir ao comisario Barnier e á Comisión que se blinde a situación galega, cun Goberno que dea un pouco máis a cara.

Estarían mellor representados todos estes intereses se os eurodeputados galegos fixeran fronte común en Bruxelas por riba de intereses de partido, como reclamaban algúns ex?

Quen lanzou a iniciativa de fronte común en 2013 fun eu e o BNG, e non me fixeron nin caso. Paréceme óptimo. Moitas veces os representantes de aquí débense máis a Madrid, ao que lle diga ao partido, e calan ante certos temas galegos.

Comparte esa visión do eurodeputado-dinosaurio que se retira en Bruxelas a gañar un salario máis digno pero nun posto de segunda fila? Que hai de certo?

Cada vez se estilan menos, creo que é unha visión cada vez un pouco máis desterrada. Non é util, porque moitos nin traballan. Ves a diferenza entre deputados que van apertar un botón e os que se moven, que tentamos chegar a todo o país, cun cuarto de escano. Como digo no vídeo do BNG: son moi plasta.

Arrincarlle a Europa ese informe sobre o accidente de Angrois, sentiuno como o seu maior triunfo en Bruxelas?

Alí hai xente que me di "a eurodeputada do Alvia", e cada vez que o escoito se me fai un nó no estómago. O outro día cando me atopei á comisaria de transportes, Violeta Bulc abrazámonos e díxenlle: "Comisaria, vostede creu me e confioume no que lle dicía para iniciar un procedemento". Quero volver a Bruxelas para acadar e chegar ata o final da verdade do Alvia. Non está pechado o caso: o tren non chegou ao seu destino aínda.

Espera recoller os restos da fragmentación do espazo de confluencia en Europa?

Quedamos sen voz nacionalista en Madrid e sería unha oportunidade. Fago un chamamento moi humilde, pero coa man tendida, a toda a xente que quedou sen casa ou que non está contento coa que ten, e atope aquí un paraugas de unidade e de traballo conxunto. Sería moi bo para o país. Non para min, que só son unha peza.

Despois do 28-A, hai menos medo a Vox?

O que sería triste é que un escano como o que representa o BNG, dunha muller galega con voz en Europa, que fora substituido por un de estrema dereita. Entón eu tamén fago chamamento a votar por un escano democrático. E que non sexamos substituidos precisamente por un facha.

A que atribúe esa remontada do BNG?

A que estamos as mulleres (ri). Esa é unha brincadeira, pero atribúoo a que somos unha organización con base.

Pero a base existía antes. Será porque o nacionalismo amosa unha cara máis amable?

Hai unha organización e eso axuda. Estamos asistindo a que se nos ve cunha imaxe máis seria e rigorosa, e non é que non a tivera antes. E a cara amable pode ser, si. A irrupción de Ana Pontón, e o feito de ter a man tendida a todo o mundo... É verdade que pasamos tempos duros, tomouse a cousa en serio, hai moita ilusión, e neste momento creo que o papel das mulleres influíu moito para achegar esa outra idea. Goretti (Sanmartín), Pontón ou eu somos exemplo dese outro xeito de ver a política.

É considerada xa un valor dentro do BNG, algún día verémola facendo política noutro lugar que non sexa Bruxelas?

(Bota as mans á faciana e ruborízase) Creo que a convicción que teño nos temas europeos, que Galiza conte en Europa, é o que vai ocupar o meu tempo nestes cinco anos e logo xa falaremos. Eu fago moita política de país e de corredoiras. Por agora non. Creo que son máis útil en Bruxelas.