Leva desde 1999 na política municipal. Non desgastan tantos anos de loita?

É certo que levo bastante tempo, pero non perdín nin un milímetro da ilusión que poño en cada proposta. Cos anos voulle atopando cada vez máis a parte boa, enfocas dun xeito máis maduro os problemas, mais ver que os resultados non sempre apoian o traballo feito xera certo desacougo. Chegas a pensar que non estás facendo todo o que deberas, pero logo ves que non é así, daste de conta de que cando intercedes para intentar solventar os problemas, a xente agradece o traballo, cando menos de palabra.

Pero non sempre ten recompensa nas urnas...

Xa, é o que intentamos trasladarlle á xente, dicirlle, mira, nós somos moi boa xente pero facemos o que podemos coa forza que temos. Levamos anos propoñendo certas cuestións, moitas delas reincidentes, como o transporte metropolitano ou melloras viarias na Nacional VI. Se o pobo nos dera capacidade de gobernar xa estarían enriba da mesa e sería só cuestión de empezar a traballar.

Cales serán as prioridades do BNG se entra no goberno?

Fundamentalmente traballar o tema do benestar das persoas, porque estamos encantados de vivir nunha aldea, pero iso non quita que teñamos acceso a servizos coma os que ten unha vila. É necesario atender a toda a poboación se queremos fixar poboación. Tamén queremos promover o emprego de calidade e a empregabilidade. Botamos en falta que os cursos que imparte Coirós en colaboración con outros concellos estean orientados á demanda que temos. Aquí hai moitas persoas emprendedoras, moitas pequenas empresas e autónomos que buscan xente no ramo da horta ou forestal e necesitamos persoas formadas para que podan atopar emprego de calidade. Tamén é moi importante formar á xente na atención a dependentes.

Esta campaña haberá o dobre de candidaturas. Como ve o panorama?

Penso que pode ser un xeito de que a xente se mobilice máis e unha das nosas teimas é precisamente esa, que a xente participe máis na vida política, que se enganche a participar na vida municipal. Nós non temos medo de que haxa máis candidaturas, temos o aval dos anos de traballo continuado a carón da xente atendendo as súas demandas