Lidia Senra aspira a repetir o escano no Parlamento Europeo que logrou con AGE en 2015. Rexeita reabrir a polémica sobre o seu posicionamento ante as vacunas, logo de asegurar nunha iniciativa parlamentaria que ninguén demostrara a súa seguridade. O seu novo partido desmarcouse desa opinión e situouna como candidata aos comicios do día 26. É número dous da coalición Compromiso por Europa, que encabeza Compromís.

Que pode facer por Galicia no Europarlamento?

Seguir traballando en temas abertos como a reforma da Política Agraria Común (PAC), que na próxima lexislatura terá que pasar polo Parlamento. Facer emendas é clave para que os prezos dos productos agrícolas non sigan por debaixo dos custos de producción. E ten que haber unha redistribución das axudas. Outra cuestión é frear o cambio climático. O modelo agroindustrial actual é responsable de parte da emisión de gases de efecto invernadoiro. A PAC tiña que facer unha viraxe para promover unha agricultura e diferente. É posible, pero hai intereses potentes para manter este modelo.

Están alonxadas as institucións da nosa realidade?

Era necesario que o debate das institucións europeas se coñecese aquí, pero non hai moito interese. A sociedade descoñece o posicionamento de cada quen. Logo élles moi doado os partidos que gobernan dicir que algo vén de Europa. Cada vez que a Comisión Europea propón unha norma sempre é para favorecer a unha minoría e ao interés do capital, en contra dos traballadores. Ten que haber un cambio e que a UE debe deixar de facer políticas a prol das grandes multinacionais para favorecer ás persoas.

Como traballadora do agro e eurodeputada, como afectou a UE a este ámbito?

Foron máis os perxuízos que os beneficios. O rural estase desertizando e as explotacións téñeno cada vez máis difícil porque os prezos non cubren os custos de producción. É unha política para beneficiar ao agronegocio pensada para grandes exportadores e non pensada na soberanía alimentaria. Nin o agro nin as nosas zonas costeiras manterán o seu modo de vida e postos de traballo se non hai apoio á agricultura e pesca artesanal. É un dos xeitos de crear emprego e a xuventude non atopa traballo. Para frear o cambio climático fai falla un modelo baseado na agroecoloxía.

Logo do golpe do 28-A e os pronóstico do CIS, que non lles dá representación na UE, que expectativas ten?

Facemos o posible para que se coñeza o noso discurso. Non todo o mundo sabe que o 26 hai eleccións municipais e europeas. O 80% das decisións que afectan ao noso día a día tómanse na UE. Os labregos e mariñeiros son conscientes, pero hai outras políticas da UE que favorecen que pensións públicas sigan a deteriorarse.

Costaralle votos cuestionar a seguridade das vacinas?

É unha polémica pasada. Estamos e esteremos na defensa da sanidade pública e da saúde.

Pero terá efecto electoral?

Non sei.

Mantén o mesmo posicionamento?

Xa lle digo que é unha polémica pasada e non vou entrar nela.

Nunha entrevista indicou que non doaba parte do seu salario a AGE, coalición coa que se presentou no 2015. Vaino facer agora a En Marea?

Estou disposta a dar un debate sobre todos os salarios públicos, desde un cargo institucional a un xuíz, e por que todo o mundo teña un soldo digno. E sempre defendín que o que se doa a un partido non é un debate público.

Preséntase por En Marea e as súas normas recollen que os seus cargos deben doar o salario por riba de 3.000 euros mensuais á organización e que iso sexa público. Vaino cumplir?

Aceptei presentarme por En Marea e non vou montar unha guerra contra ela.

Tras obter 17.000 votos nas xerais, cal debe ser o futuro de En Marea?

Os debates hai que dalos internamente e logo comunicar os resultados. O meu pensamento prefiro mantelo no interno e, concluído o debate, dicilo publicamente. Son desa vella militancia.