Acampaña de 2015 estivo marcada pola ilusión. Viña do activismo autónomo e xa a miña vida persoal e a militante eran unha. Como ían ser as nosas vidas se chegabamos a gobernar asomaba xa na campaña: a cesión total ante a exposición mediática, a dispoñibilidade 24/365 e os ataques permanentes. Desde que decidimos afrontar o reto electoral houbo quen nos situou no inimigo. En primeiro lugar, o resto de partidos: os da dereita por ter unha nova organización enfronte, os da esquerda polo nicho de votos. Tamén no noso espazo de orixe houbo quen nos viu sempre como traidoras impuras. Veño do activismo feminista e todo isto podía ser pura contradición dependendo de como se mirase: eu asumín que era unha ferramenta a probar, como tantas outras que tiñamos probado, coa esperanza limitada de poder mudalo todo pero co desexo de mudar, aínda que fose un pouquiño. Estaba disposta a ceder gran parte da miña vida sempre e cando fose realmente útil.As campañas electorais son duras, son un momento de venda, de mostrar só o bo, de non deixar entrever as debilidades, somos todo fortaleza. Para unha persoa crítica, feminista e inconformista isto é difícil, moi difícil, pero o máis difícil é ter que falar de coidados, de poñer ás persoas no centro e ver como a túa vida se converte nunha voráxine: nin te coidas nin te coidan, poñemos o noso corpo ao servizo dun proxecto e o proxecto remata por ser a prioridade, por riba dos nosos corpos? Pasas a ser esa nai abnegada como a do anuncio do Corte Inglés. Para unha persoa que leva tatuada na súa pel que "o persoal é político", unha campaña electoral na que sitúas o político fóra de ti é un problema. Pero a nós dábanos enerxía a ilusión. Saímos a por todas e gañamos. Só lembro gañar en batallas políticas nas que participei con este nivel de implicación coa fin da mili, desde o MOC, e cando desde os feminismos tombamos a proposta de reforma da lei do aborto ao mesmísimo ministro Gallardón.A campaña debía ternos preparado para a nova situación, gobernar, pero en realidade iso pasou nestes catro anos. A campaña só foi a antesala do que logo pasou: a ilusión ao mesmo nivel que a contradición. Toda a túa vida persoal alí posta, porque unha non entende outro xeito de facer política que co corazón e coas entrañas. A implicación brutal nun sistema feito para persoas menos emocionais, sen dúbida non feministas. Iso foi a campaña que abriu a porta a catro anos que tiveron a mesma intensidade, que pasa factura pero enche de orgullo e de aprendizaxe. Mais toca pararse, deixar pasar e reflexionar.