Carlos Hugo González é militante do BNG desde hai unha década e sempre botou unha man no que puido durante as campañas. A súa experiencia nótase no seu rexeitamento a pensar que en quince días se poden gañar eleccións. "Hai que tener ilusión, pero ser realistas e ir pouco a pouco. Na noite electoral hai paus e ledicias", admite. É tal o seu convencimento do traballo ben feito á vez que pausado que considera que achegarse á xente pola rúa e falar con ela, aínda que sexa brevemente, é a tarefa máis reconfortante: "Non é tan importante convencer senón axudar". Levar as preocupacións dos veciños aos representantes políticos e que estes as poidan resolver dentro da corporación é un xeito de contribuir ao proxecto político que, apunta, "non se reflicte nas eleccións".

"O reparto é o mellor", insiste o voluntario nacionalista. E é que, ademáis das tarefas de loxística, defende que o obxectivo principal dos simpatizantes e militantes que colaboran na campaña é "facer que a mensaxe chegue" á cidadanía. E tanto nas anteriores eleccións, as xerais, como nestas, González nota "máis ilusión, máis receptividade" e remarca que houbo uns anos nos que a negativa era a principal resposta cando entregaba folletos polas rúas.

Como o resto de voluntarios, destaca que a axuda que brinda é proporcional ao que lle deixa libre a súa profesión: "Saio do traballo e vou ao que podo: ensobrar, preparar panfletos, ir aos mítines... Cada un aporta o que pode". Aínda que poida semellar un gran esforzo, ao non comportar un pago en salario, González aínda ve situacións máis esixentes. "Os candidatos teñen moitísimo máis chollo", exclama. Quizáis a satisfacción é maior porque, di, "o facemos todo entre nós". Hai outros partidos que optan por outras técnicas, pero o traballo colectivo e pisar a rúa son, para o voluntario, a mellor maneira de facer servicio público.