Dixo que Alternativa preséntase en Arteixo para gañar. Atrévese a dicir cantos concelleiros poden lograr?

As sensacións que temos son moi boas. Con seis conformámonos. E despois xa veremos quen opta a gobernar este concello.

Por que os veciños de Arteixo deberían votar a Alternativa?

A xente coñece como gobernan os outros partidos e como fan oposición. Alternativa non tivo esa oportunidade. Entón, que nos dean esa oportunidade e xa verán. Nós vamos gobernar con cercanía, honestidade e transparencia.

Con quen estaría disposto a pactar?

Se nós podemos gobernar o Concello, gobernarémolo. E se non podemos gobernar, faremos pactos puntuais, esixindo as cousas que levamos no noso programa, pero por escrito. Se ese compromiso se mantén, e a honestidade política existe e hai coherencia, apoiaremos o que sexa bo para o pobo de Arteixo.

Con quen estaría disposto e con quen non?

O partido estase xogando. Despois valoraremos. Falaremos con todos os partidos que se presentan e decidiremos cal merece o noso apoio.

Nin sequera descarta ao PP?

Non descarto a ninguén. As persoas que cremos na democracia temos que escoitar a todo o mundo.

Quen lle teme máis: o PP ou o PSOE?

Posiblemente ao PSOE che chirríe máis. O PP xa ten a súa estructura. Goberna desde hai oito anos, aínda que non foi coherente. Tampouco foi coherente o PSOE na oposición, porque non fixo unha oposición real. Pregouse aos ditados do Goberno.

Dixo que unha das súas prioridades é aprobar un plan xeral de urbanismo. Por que cre que non se aprobou ata agora?

Creo que ao Goberno do PP nunca lle interesou un plan xeral en Arteixo. Para ter un concello con futuro e con desenvolvemento ten que haber un plan xeral. Aquí o que se fixo foi servir a uns intereses de determinadas persoas. Se nós saímos elexidos, o primeiro que faremos é sacar a concurso a redacción do plan.