Adrián García é o número doce da candidatura de Marea. Defende que todos os proxectos son importantes pero a súa prioridade son as políticas sociais. Non esconde a súa "ilusión" por esta nova etapa.

Como comezou na política?

Sempre tiven ese ruxe ruxe. Estudei Ciencias Políticas e xa na universidade participei nas revoltas que houbo pola aplicación do Plan Boloña, cando se querían facer proxectos pilotos e a miña era unha desas carreiras. Nas anteriores eleccións, retornei á vida coruñesa. Vivín o proceso de cerca e era algo que me atraía. Dende aí, empecei a participar. Primeiro en Podemos Coruña e pronto me acheguei a Marea. Así empezou todo.

E por que Marea, ademais de pola ideoloxía política?

Marea sempre me pareceu un espazo moi transversal, no que persoas diferentes podiamos participar, entendernos e compartir obxectivos comúns máis aló da procedencia de cada un. Algo moi heteroxéneo e rico política e socialmente falando. Parecíame que daba moitas respostas as necesidades que tiña a cidade en 2015.

Como viviu este catro anos de mandato?

A actividade do Goberno foi moi boa. Despois de ter moitos factores en contra en María Pita, se foron construíndo unhas bases para unha cidade diferente onde a prioridade sexan as persoas fronte a institución.

Unhas bases que necesitan outros catro anos máis?

Si. Iso permitiría dar o impulso a moitas políticas e poñer en práctica. Estamos camiñando cara unha cidade moito máis feminista, máis sustentábel e na que a xente ten voz no Concello. Todo é un proceso e catro anos máis son máis que necesarios para poder seguir construíndo este proxecto colectivo.

Que habería que cambiar?

Evidentemente nos gustaría que os cambios fosen máis rápidos pero as administracións teñen os seus propios tempos. Penso que a experiencia que se foi adquirindo este tempo axuda a poder afrontar este escenario. Sempre hai cousas que mellorar e chegar a máis aspectos.

Na candidatura é o número doce, como o afronta?

Con responsabilidade, moitísimo orgullo e con moitísima gratitude pola confianza do grupo. Estou ilusionado e o vivo con alegría. É unha oportunidade. Agora mesmo a organización pensa que podo ser máis útil nesta posición e eu, encantado.

Cales son os aspectos que máis lle preocupan?

Todo é importante. As áreas de Goberno forman parte dun engrenaxe para que todo funcione. Pero é primordial que ningún coruñés teña apuros económicos.

Que pode pasar o 26 de maio?

Aínda non está decidido. Esta campaña vai ser intensa. Nós estamos facendo moita rúa que é onde nos sentimos máis cómodas. Estou convencido de que as veciñas da Coruña van apostar por continuar con este cambio e confiar na Marea.

E, en caso de que ocorrese, como sería a Marea na oposición?

Sería como agora, cunha posición de responsabilidade e de pensar no colectivo. Pero agora pensamos que vamos gañar e estamos centrados nun programa de Goberno gañador.