A verdade, que se me poño a pensar en como vivín as múltiples campañas nas que me vin como candidato polo BNG nas municipais na nosa cidade, o primeiro que me vén á cabeza é que nas campañas todos estresámonos un pouco e tentamos facer algo así como iso que din que che pasa pola cabeza cando vas morrer, que ves toda a túa vida nuns segundos.

E non hai nada máis falso, unha campaña comeza na noite das eleccións anteriores, todo o que fagas ben ou mal nos catro anos seguintes é o que conta, a xente ten memoria.

Eu vivín tres tipos de campaña: a heroica de buscármonos un oco na "cidade estado" de Paco Vázquez, na que tiñas que chegar á xente como eras para que visen que non tiñas cornos e rabo, na que se alcuñou o de "os do non", na que pouco menos que tiñamos que gañarnos o dereito a ser coruñeses, que queríamos tanto á Coruña como o que máis, pero que non nos gustaba ese modelo de cidade en mans da especulación mentres se desmontaba sistematicamente toda a urdime da actividade económica, portuaria, comercial, industrial ao tempo que se nos vendía a panacea da cidade de servizos. Claro que eramos os do non a ese modelo, pero era difícil de explicar naquel momento de obnubilación e burbulla inmobiliaria.

Unha segunda cando aínda seguiamos sen ter presenza no Concello pero atopas certa receptividade na xentes e tratas de trasladar á cidadanía o por que dun modelo "vazquista" fracasado e propor alternativas. Foi unha etapa moi creativa.

E unha terceira estando xa na corporación, tendo actividade e sendo a oposición fronte a uns gobernos en maioría absoluta nos que a túa actividade estaba moi limitada cando non "perseguida" dentro de María Pita, ocultación de información, limitación da túa actividade como grupo con regulamentos orgánicos antidemocráticos, etc... aínda sí fomos medrando 2, 3 e 6 escanos, foi moi estimulante.

Pero agora vexo que non hai mellor campaña que traballar catro anos no goberno como foi no de coalición BNG-PSOE e demostrarlle á cidade que o teu traballo vale, que serves a un programa.

Para min eses catro anos de goberno na Concellaría de Rehabilitación foron toda unha experiencia gratificante. E aí están as obras en espazos públicos, a ordenanza de ascensores, todas as áreas de rehabilitación „Palavea, Os Mariñeiros, O Birloque, as Vivendas do Carme, etc...„, a retirada da estatua de Millán Astray, as axudas ao poboado do Campanario e moitas máis. Esa é a campaña que vale a pena, mereceu a pena.

Mario López Rico foi un dos fundadores do BNG e concelleiro responsable de Rehabilitación na Coruña de 2007 a 2011, durante o bipartito PSOE-BNG