Repite como candidato de Betanzos Novo coa satisfacción de "cambiar a axenda política" do Goberno local. Hipólito Pérez Novo di sentirse orgulloso de "lograr a supresión da ORA" ou de "que se reiniciase o PXOM" e, sobre todo, de "pór enriba da mesa temas que estaban un pouco agochados". O líder de Betanzos Novo lamenta que non cristalizase a opción dunha candidatura que aglutinase as forzas de esquerda. "Intentámolo de todas as maneiras", sostén.

Pérez fai un balance agridoce do mandato, lamenta que moitas das mocións do seu grupo aprobadas polo pleno caeran en saco roto e critica que o Executivo agote o mandato sen aprobar o proxecto de rehabiltiación do Pasatempo "a pesares de que o orzamento do 2016 incluía xa unha partida para a súa elaboración".

Levan no seu programa 122 accións. "Queda moito por facer", destaca. "Somos a alternativa ao bipartidismo. PSOE e PP teñen o mesmo modelo de cidade", afirma. Pérez apela a urxencia de "cambiar a visión política localista por unha máis integradora" e aposta pola fusión de Betanzos con Bergondo, Coirós e Paderne para acadar un concello "cunha masa crítica mínima". Propón, entre outras medidas, a creación dunha empresa pública de rehabilitación, un plan de emprego e a dinamización do mercado.