24 de mayo de 2019
24.05.2019
La Opinión de A Coruña

A CORUÑA
Xulio Ferreiro

"Iremos máis rápido ou máis lento pero non nos desviamos do camiño un só centímetro"

"Na Coruña non se presenta Pedro Sánchez, na Coruña o PSOE ten una traxectoria propia, nos anos nos que gobernou, cos intereses que se movían, e nestes catro anos"

24.05.2019 | 00:41
Xulio Ferreiro, no local da Marea Atlántica, na praza do Humor.

Xulio Ferreiro quere ser alcalde oito anos, algo que non conseguiron ningún dos seus dous precedesores. Defende que os votantes poden confiar en Marea Atlántica fronte a forzas que fan "unha cousa en campaña e outra no goberno". Xustifica que tiveron "un mandato moi complicado" pero que nel deixaron "moitas cousas lanzadas", polo que está "convencidísimo" de que "o próximo vai ser marabilloso".

Que aprendeu da cidade que non soubese antes da Alcaldía?

Moitísimo. Cando non eres alcalde, estás nun ambiente que ten os seus límites, desde a Alcaldía ves toda a cidade. Unha das cousas que más me sorprendeu foi o movemento asociativo que ten que ver coa diversidade, funcional, cognitiva... Era un mundo que non coñecía antes e namoroume, de voluntarios e voluntarias que fan un traballo inmenso e dos rapaces que participan nesas entidades: Depor Genuine, Aspronaga...

Custa mobilizar ás tropas e a un mesmo cando as enquisas non ofrecen bos augurios?

Nada difícil. Temos un equipo de xente inmenso traballando e a verdade é que a ilusión desta campaña está sendo brutal. As enquisas son o que son, hai enquisas que se fan para influir nos indecisos e no voto e teñen varias lecturas. As nosas dan que imos ben, que cada día subimos e que canto máis nos alonxamos das xerais e máis se pensa en clave local, máis persoas están dispostas a votar a Marea.

A irrupción do PSOE nesas enquisas, co resultado do 28 de abril, fíxolles cambiar a estratexia e ser máis duros con eles?

Sabiamos que a proximidade das xerais ía influir. A xente votou nunha clave nas xerais pero hai que votar noutra na Coruña. Na Coruña non se presenta Pedro Sánchez e o PSOE da Coruña ten unha traxectoria propia. Non só nos anos onde gobernou, cos intereses que se movían, con que e para que aliados... En moitos anos fanse cousas boas e non tan boas pero hai un modelo que entendía a cidade como un campo de negocio para uns cantos. Pero tamén está a traxectoria do PSOE estes catro anos, que non foi o que se nos presenta agora. Porque aquí hai catro anos á dereita parouna a Marea e durante catro anos estivemos sós frente a unha dereita moi agresiva e o PSOE foi muleta do PP.

É por iso que fai seus os resultados do 28 de abril?

Non fago meus os resultados, fágoos colectivos. Hai unha maioría de progreso, que se manifestou de diferentes xeitos, con diferentes votos. Compartimos os sentimentos de temor dunha posible involución e de alivio por tela evitado. E ese sentimento creo que é compartido polas persoas que votamos progreso. Tampouco fixen miña a moción de censura de Rajoy e sentinme partícipe dunha maioría social que quería iso.

Penalízao iniciar a campaña despois do resto por non apoiar a ningún partido nas xerais?

Ao revés. Permitiume chegar máis fresco, coas ideas máis claras. Eu quería falar da Coruña e só da Coruña e tamén demostrar que a Marea Atlántica é unha forza política arraigada no local, enraizada na Coruña, cun perfil municipalista clarísimo e que ademais podía recoller e recolle de apoio de xente que votou diverso nas xerais.

Cales serían as consecuencias de que fosen terceira forza?

As consecuencias de que este proxecto non tivese continuidade serían que o Goberno local volvería estar ao servizo dos intereses da minoría. Nós sempre facemos e dicimos o mesmo. En nós pódese confiar. Podemos facelo mellor ou peor, máis rápido ou máis lento, pero non nos desviamos do camiño un só centímetro. Sabemos que outros que se presentan como rexeneradores e novos, acostuman dicir unha cousa en campaña e facer outra no goberno.

Unha das acusacións comúns do resto de partidos é a falta de eficiencia e xestión, que parte de razón teñen?

A un goberno en minoría ténselle que comparar con outros gobernos en minoría sobre as posibilidades de sacar proxectos adiante. E aquí nunca houbo. Pero hai exemplos suficientes do contrario: saen o dobre de licencias agora que en 2014, o Concello reduciu a débeda despois de anos aumentando, é líder en execución de gasto social... E a capacidade de xestión mídese no que deixas atrás, se deixas algún Conde de Fenosa, Someso, Agra de San Amaro... nós non vamos a deixar nada diso.

Fala das dificultades de gobernar en solitario, cre que tería sido mellor un cogoberno?

Non se deron as condicións. Falar do que puido ser é moi complicado. Estivemos a piques de chegar a un acordo. Lembro que antes de someter o meu mandato a unha cuestión de confianza tiñamos un acordo case pechado co Partido Socialista e desbaratouse porque decidiu dar unha rolda de prensa cambiando os termos do acordo e antes de telo completamente pechado.

Igual que o PSOE facilitou a súa investidura, facilitaría a do PSOE no caso contrario?

Non vai facer falta, porque vou seguir sendo alcalde.

E o mellor para o mandato que vén é que haxa un goberno que non estea en minoría?

É bo que haxa estabilidade e as fórmulas para buscala dependerán do resultado do 26. Nese sentido, nunca mirei a ningún lado equivocado. Como alcalde, tendo en conta a maioría progresista que hai, intentei liderar unha maioría progresista no pleno. Foi moi difícil porque o PSOE cambiou catro veces de voceiro e eses catro cambios foron catro cambios de estratexia. Polo medio tamén estivo a investidura de Rajoy permitida polo PSOE e onde persoas do PSOE da Coruña tiveron un papel relevante.

Cal foi a renuncia máis importante do que falaba en 2015?

Non renunciamos a nada. Pode que non chegasemos a todo pero só prometín tres cousas na campaña anterior: ter as prioridades claras, e fun fiel; honestidade, e cumprín de sobra; e prometín traballo duro, e no meu cabelo vese o desgaste houbo. O resto, o programa, ten un cumprimento altísimo.

Xa que era posible que o xulgado chamase a declarar polo cárcere, é un problema que estea na súa lista Claudia Delso?

Non é ningún problema. A única imputación que recibiu Claudia Delso ata o de agora foi a do PP. Hai unha unha investigación en marcha e a súa declaración coincide co último día de campaña, coincidencia bastante desfortunada e que se dá porque en marzo o PP evitou a declaración programada. O que estou desexando é que Claudia poida explicarlle á xuíz o que fixo, como se fixo, e que se poida ver que non houbo nada. Quen aquí vexa un caso de algo que se achegue á corrupción, ten que ter moita imaxinación.

Incumpre a Marea o seu código ético coa concelleira na lista?

O código ético di que os concelleiros e concelleiras da Marea Atlántica renunciarán ao seu cargo cando haxa unha imputación xudicial motivada. Non existiu aínda. O único que hai é unha chamada a declarar por parte dunha denuncia do PP e da señora Rosa Gallego, nada máis. Calquera que saiba algo de dereito procesual e que lea o código ético, sabe que non se dá o caso.

Destes catro anos ¿que cre que foi o que máis satisfixo aos que lles votaron e que foi o que máis lles decepcionou?

O que máis foi a énfase na política social, con instrumentos novedosos como a Renda Social Municipal, as políticas da memoria, a participación, as políticas culturais, desde o Noroeste ao apoio aos ilustradores locais,... ían na dirección que se nos pedía. O que menos... hai bastante variedade, non me atrevería dicir unha liña clara de fractura. Pode que algunhas persoas que simpatizan contigo piden máis ambición ou valentía. Podo concordar con esa crítica pero a ambición e a valentía ten que coordinarse coa seguridade xurídica e ás veces é certo que houbo cousas nas que non avanzamos para non cometer erros ou meter ao Concello en problemas xurídicos.

É o principal reproche destes días de campaña?

Da xente que te quere.

E da que non lle quere?

Lugares comúns. "Non fixeron nada", "no saben gestionar", "la ciudad está muy sucia"... son reproches que se escoitan na campaña e que é certo que callaron nunha parte da sociedade. Un tenta desmentilas con datos obxectivos, pero as percepcións de cada quen son as percepcións de cada quen; e as campañas, por así dicilo, que foron nesta dirección, foron moi fortes con voces moi altas.

Prometer municipalizacións hai catro anos sen saber se se podía facer ou non, foi un erro?

Non as prometimos. No programa a única municipalización que mencionamos foi a de ver como estaba o proceso da adxudicación da ORA e, se chegabamos a tempo, municipalizalo. Non chegamos, entendimos que darlle para atrás a ese contrato implicaba suspender o servizo un ano e non era oportuno. Nas bibliotecas lanzámonos sen telo prometido e intentámolo de xeito serio e fundamentado xuridicamente. Atopámonos con moitas reticencias, de parte dalgúns altos funcionarios do concello que non vían a folla de ruta que outros altos funcionarios si. Houbo discrepancia entre técnicos e sobre todo houbo despois falta de valentía no PSOE á hora de, diante de informes xurídicos que ían para un lado e para outro, tomar a decisión máis valente.

Pode facer un balance positivo en política de mobilidade?

Eu creo que si. A maior eiva que se nos pode achacar é algo que nunca se fixera, para atrás non fomos. Puxemos moito empeño en intentar que un novo mapa de liñas estivese no mandato pero non foi posible porque os traballos técnicos foron máis lentos do previsto. Por moitas causas, unha delas, a falta de coñecemento dentro da casa do funcionamento dunha rede de transporte porque toda esa parte sempre, historicamente, foi levada pola Compañía de Tranvías. Asumo esa crítica. Agora o traballo técnico está feito e estamos en condicións de levar a cabo ese cambio no próximo mandato. Pero en política de mobilidade, primeiro, revisáronse as condicións da prestación do servizo e por iso baixou o bus e é gratuito para os menores de 13 anos. A aposta pola bicicleta está clara. Non é o principal modo de transporte, pero ten que permitirnos un modelo diferente, que combine varios medios.

Co plan estrela de compra de pisos fracasado e en revisión, tamén pode facer balance positivo das políticas de vivenda?

Hai que afondar máis nelas. É certo que puxemos bastante empeño no programa de compra de vivenda e non saiu ben. Xa o recoñecín e mesmo pedín desculpas. Pero non sae ben aquilo que non se intenta. Intentamos outra política de vivenda que era a bolsa de aluguer única, que hai dous anos non sae porque votan en contra no Consello de Administración de Emvsa o PP e o PSOE... Agora ben, si se puxeron os bimbios. Adqurimos dous solares en Pontejos e en Panaderas, que nos vai permitir tamén facer un paso entre Panaderas e San Agustín. Está compromiso de facer vivenda pública no ofimático e acabamos de aprobar, finalmente, o regulamento para ese banco público de aluguer.

No tema dos peiraos, cre que podería ter feito outra cousa para que, chegue quen chegue, non se puidese dar marcha atrás?

Avanzou motísimo. O sentir común da cidade e o sentir común das propostas políticas sobre o porto en catro anos pegaron unha viraxe. Mesmo o PP fala de titularidade e xestión pública dos terreos. É certo que a última vez que levamos isto ao pleno, apoiámolo nós e o PP, pero non o PSOE, xustamente pola cuestión da titularidade pública, e a min isto preocúpame. Quitando isto, ninguén fala xa da vixencia dos convenios de 2004, ninguén fala xa dun modelo de xestión que non sexa un consorcio, de eliminar os usos produtivos de San Diego, de centros comerciais en Batería e Calvo Sotelo. Ninguén fala xa, pese a ter votado a favor como no caso de Beatriz Mato no Consello do Porto, de privatizar a Solana. Creo que avanzamos moito en crear certos consensos na cidade. O avance concreto ten que producirse neste mandato e necesita un compromiso do Goberno de España que pase por condonar ou buscar algunha fórmula que permita á Autoridade Portuaria da Coruña liberarse desa débeda, por un ferrocarril en punta Langosteira que permita o traslado efectivo ao porto exterior.

A participación cidadá no concurso de ideas do bordo litoral foi escasa...

Todos os sectores profesionais implicados no asunto volcáronse no proxecto, os colexios e as escolsa de arquitectos e enxeñeiros... e estamos a falar de cuestión moi técnicas nas que normalmente non hai unha participación masiva. Pero si houbo participación de calidade das persoas que quixeron ler os proxectos, votalos, discutilos, con presentación públicas, un foro de discusión con veciños e entidades... Podemos falar doutros procesos participativos como Coruña Futura. Canta xente participou e canto costou? Creo que participou menos xente e costou moito máis, pero non critico Coruña Futura porque entendo que hai procesos que hai que abrir á participación.

Veciños da Agra rexeitan o deseño proposto para o parque. Non hai alternativa a edificar?

A edificabilidade redúcese. O plan que presentamos para o parque da Agra reduce a edificabilidade que estaba prevista inicialmente, conserva a configuración urbanística do Camiño do Pinar, onde se ía acabar con outro núcleo tradicional. Pero é que hai uns dereitos recoñecidos para uns propietarios desde hai moito tempo e bastante logramos que se axustasen a outras tendencias urbanísticas. A única forma de acabar coa edificabilidade sería pagar ducias de millóns de euros aos promotores e non é o máis acaído.

Que impediu separar do ámbito do ofimático aos veciños de San Vicente de Elviña?

A prioridade sempre foi dar pasos para liberar a marxe dereita de Alfonso Molina, San Vicente de Elviña e todas estas persoas que estaban afectadas sen querelo. Estas casas seguen aí e as posibilidades que teñen de pagar as cotas tamén melloraron. Entendo que despois de vintepico anos todo o tempo lles pareza moito. Despois das obras que permitiron que se ocupasen os pisos, estamos avanzando no cambio urbanístico que deixa fóra San Vicente de Elviña.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Elecciones en A Coruña

Domingo 26 de Mayo de 2019

Galicia, A Coruña, España