Brevememente, cales foron os principais logros do goberno?

O primeiro, a aprobación do plan xeral, porque nos vai permitir acadar unha serie de dotacións e infraestruturas das que carecemos, como trasladar o centro de saúde, mellorar a seguridade viaria ou poder desenvolver o plan especial das Brañas. Tamén estamos moi orgullosos do incremento do gasto social e do aumento dos contratos abertos.

Tiveron que facer moitas concesións ao PDSP no plan xeral como denuncia o PP?

Non. Nós o primeiro que fixemos foi publicar todo o plan xeral, que estaba agochado. Calquera poder ver cómo estaba e cómo quedou. Todos os cambios se fixeron con total transparencia.

Quédalle algunha espiniña?

Gustaríanos que a Xunta tivera resolto o problema das inundacións e non ter que acometer nós obras pola nosa conta. Gustaríanos que o proxecto de rexeneración da praia se modificara ambientalmente en tempo e non perder o tempo con proxectos que sabíamos que eran inexecutables. O compromiso con Sada das diferentes administracións non estivo á altura.

Fala das inundacións. Foi o momento máis duro?

Si, sen dúbida foi o momento máis duro como alcalde, pero serviunos para mudar as prioridades a e darnos conta de ónde hai que invertir realmente.

O PSOE abandonou o goberno na recta final do mandato con duras críticas a Sadamaioría. Faltou diálogo no tripartito?

Coido que hai que ser práctico e avaliar os resultados. Este goberno logrou aprobar o plan xeral, tres orzamentos e desbloquear temas importantes, como o mantemento do centro de Mosteirón ou o BIC da Terraza. Eu non entraría a avaliar si faltou diálogo, en todo caso, repito o que digo sempre, a xente de Sada coñecécenos a todos e sabe si somos dialogantes ou non, eles avaliarán.

Se percibiron tiranteces entre as tres forzas. Teme que a xente se quede coa impresión de que non son capaces de entenderse?

A xente ten que valorar os resultados. Coido que non se van meter en interioridades, porque as tiranteces nun tripartito ata poden ser habituais, o tema é ser capaces de reconducilas e de aprobar proxectos que melloren o pobo.

E ve posibilidade de reconducir as diferenzas entre Sadamaioría e o PSOE?

O importante agora é que 26 de maio a únicas alternativas son o Sadamaioría ou un cuadripartito de dereitas. Nós estamos convencidos de que acadaremos unha maioria suficente e reforzada para liderar un goberno de progreso, transformador e solidario.

Pero se precisa dun acordo co PSOE ve posible un entendemento?

Non quero facer valoracións ata coñecer o resultado, a cidadanía determinará e avaliará o que foi este goberno.

Digame cinco prioridades para o próximo mandato?

O primeiro, consolidar a senda de crecemento e emprego coa implantación de empresas nos solos terciarios e industriais que temos. Seguir apostando polo gasto social, o incremento dos coidados propio dunha política de esquerdas. Despois, seguir cos proxectos de mellora dos centros educativos e instalacións deportivas; acadar o traslado do centro de saúde a unha ubicación máis céntrica e accesible e desenvolver o plan especial das Brañas para a posta en valor do espazo natural que é totalmente irrepetible. Outras das prioridades serán a declaración de BIC da Terraza e do Museo Carlos Maside e a súa posta en valor.