Estes días, lembrando as eleccións de 2015, asáltame unha sensación cercana de recordos daquela campaña, que foi de traballo e de esforzo compartido polo desexo de cambiar moitas cousas. Desde o verán anterior, moitas persoas que non tiñamos intervido en política nunca tomamos a decisión de que era necesario unirse e dar o paso. Dar o paso e facerlle fronte á corrupción como forma de facer política e de reclamar os dereitos arrebatados á maioría social nunha cidade onde as minorías sempre foran privilexiadas.Non tiñamos experiencia en organización de campañas electorais e desenvolvemos unha cun lema que practicamente non tivemos que idear nin imaxinar: Coas nosas mans. Porque esa era a realidade coa que traballamos desde o principio e esa era a maneira na que entendiamos e queriamos facer campaña. Foi unha campaña de ti a ti, de falar coa xente na rúa, de ver máis alá de intereses creados e de asumir como propias as demandas e as necesidades reais da xente.Daquela aínda me sorprendía que os partidos afeitos a gobernar pensaran que podían convencer e captar votos con ocorrencias surrealistas de campaña que parecían xurdidas dunha tormenta de ideas repentina, na que calquera proxecto que se lles ocorrera, por moi custoso e irrealizable que fose, tiña cabida. Teño pensado moitas veces que as campañas electorais son case como o black friday da política. De súpeto, nun tempo récord, prométense liñas de ferry, cidades deportivas e plans de desenvolvemento de todo tipo, promesas inimaxinables nos catro anos anteriores. Daquela pensaba, e sigo a pensar, que as campañas deben facerse principalmente para dar a coñecer os programas e que os programas deben centrarse en cubrir as necesidades básicas e recuperar dereitos perdidos para as maiorías. Neste mandato, no Goberno municipal conseguimos un logro importante: que toda a oposición aprendera o noso programa e analizara o seu cumprimento. Un logro que, desde logo, estaría ben que se estendese e se aplicase nos respectivos programas alá onde gobernen.

Eugenia Vieito foi candidata da Marea Atlántica nas eleccións municipais de 2015, nas que foi elixida concelleira