Entrevista | Antonio Deibe Alcalde de Irixoa e candidato polo PP

“Ampliar o abastecemento de auga en Irixoa vai ser unha das nosas prioridades”

“Queremos rehabilitar unha antiga escola como centro de día”

Antonio Deibe, alcalde de Irixoa e candidato polo PP.

Antonio Deibe, alcalde de Irixoa e candidato polo PP. / Antares Pérez

Quinta campaña electoral xa, como a leva?

Ben, con normalidade, como sempre.

Acaba un mandato complicado, marcado pola pandemia...

Si, tivemos unha lexislatura moi complicada, complicadísima, pero fomos solventando como puidemos, axudando en todo o que puidemos.

E despois da pandemia veu a inflación. Precisamente hai uns meses queixábase das dificultades dos concellos pequenos como Irixoa para afrontar a subida da luz, os combustibles…

Si, é certo, saes dunha pandemia e agora a guerra de Ucraína… É un contexto económico moi complicado. Tivemos moitísimas dificultades, a inflación estaba polas nubes e o Concello tivo que facer moitos números para chegar a fin de ano pagando todas as facturas.

Que prioridades márcase para o próximo mandato se revalida a Alcaldía?

Pois seguir traballando como ata o de agora. Ampliar o abastecemento de auga, que vai ser primordial, seguir coas redes de sumidoiros en pequenas fases e nos núcleos que máis o necesitan. Bueno, como sempre… Aglomerar os viais en todos os núcleos para que os veciños circulen por boas estradas. En servizos sociais traballar para seguir sen lista de espera. Igual, igual.

E algún equipamento novo que precisen especialmente? Hai tempo falaba da importancia dun centro de día...

Bueno, acabamos de dar licencia para unha residencia xeriátrica de trinta prazas e temos unha antiga escola que a queríamos rehabilitar para centro de día ou casa do maior, a ver... É un proxecto moi caro pero estamos aí a ver se conseguimos algunha axudiña da Xunta ou a Deputación.

Hai un punto no que teñen que mellorar, alcalde, refírome á paridade. Son nove na lista do Partido Popular, sete homes a dúas mulleres e a primeira no posto sétimo....

Si, si, estou totalmente de acordo, pero o malo é atopar candidatas para que vaian nos postos de arriba. No rural son reacias, mira que dei un repaso polo concello buscando candidatas, eh? Iso pásanos á maioría dos grupos. Igual está algo mellor o do BNG, algo, pero bueno...

O PSOE leva unha muller de cabeza de lista...

O PSOE si, si, é certo, seguiremos tentando incorporar a máis mulleres en postos altos, pero é difícil.