Rueda proclama que “a lingua galega non é motivo de confrontación nin de liorta”

O presidente da Xunta reivindica o amplo coñecemento do idioma na sociedade e defende pola “convivencia fraterna” co castelán | Acusa á esquerda de “insultar”

Rueda, no centro, con Alfonso VIllares á súa esquerda, onte en Cervo. |   // CEDIDA

Rueda, no centro, con Alfonso VIllares á súa esquerda, onte en Cervo. | // CEDIDA / REDACCIÓN

REDACCIÓN

Acto oficial, mensaxe conciliadora. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou onte o orgullo de ter o idioma galego e a “convivencia fraterna” que mantén co castelán. “A lingua non é motivo de confrontación nin de liorta”, declarou nun acto oficial do Goberno galego en Vilanova de Lourenzá previo ao pleno extraordinario da Real Academia Galega (RAG) co galo do 17 de maio, Día das Letras Galegas.

A axenda matutina de Rueda tivo carácter institucional, pero todas as mensaxes son interpretadas en clave electoral nunha campaña que finalizará o día 28 coas eleccións municipais, nas que o seu partido, o PPdeG, se estrea con el como máximo responsable, despois de relevar a Alberto Núñez Feijóo hai un ano.

Durante o bipartito, o PP de Feijóo atacou a política lingüística da Xunta PSdeG-BNG ata o punto de apoiar protestas de Galicia Bilingüe. Tras alcanzar a Presidencia da Xunta no 2009, impulsou o que cualificou de “bilingüismo cordial”, unha convivencia pacífica entre galego e castelán, segundo o seu punto de vista, estratexia que onte defendeu Rueda, quen destacou que se puxo en marcha “sen producir fracturas sociais”. “Quen teime en buscar fronteiras lingüísticas herméticas non poderá atopalas”, proclamou.

Como mostra do bo estado de saúde do galego, recurriu a datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). “Constata que o 98,5% dos nosos cidadáns entende o galego, un 97% sabe falalo e unha porcentaxe similar sabe lelo”, destacou antes de soster que ningunha outra das autonomías con lingua propia presenta eses datos, se ben nos últimos anos evidénciase unha perda de falantes entre os cativos e nas cidades.

O dirixente resumiu o que entende por política lingüística da Xunta. “É un modelo xenuíno que descansa na igualdade e no respecto á lei; na fraternidade cordial entre os dous idiomas oficiais de Galicia; e, sobre todo, na liberdade. O reto consistía en normalizar o galego sen producir fracturas sociais”, detallou na súa intervención.

Máis tarde, Rueda centrou os seus actos de campaña na Mariña lucense. Primeiro, acompañando a Alfonso Villares en Cervo, onde trata de saír reelixido quen é vicepresidente primeiro da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Despois, pechou a xornada co deputado Daniel Vega, que pretende apartar en Ribadeo ao BNG dunha das súas alcaldías máis representativas.

Alí, puido afilar o discurso lonxe da institucionalidade do acto matutino. No tocante ao idioma, destacou que o modelo do “bilingüismo cordial” é o modelo que “quere a maioría dos galegos”, en alusión ás catro maiorías absolutas que suma o PP desde o ano 2009 en comicios autonómicos.

Centrar o debate

Ademais, atacou o ton empregado pola oposición, pois lamentou a “estratexia de insultos, faltas de respecto e descualificacións” que lle adican BNG, PSdeG ou o resto da esquerda.

“A xente non quere escoitar iso e é moi triste que se teña que recorrer a descualificar ao rival cando non se ten nada que dicir”, laiouse ante Alfonso Villares no acto electoral de Cervo.

Na súa opinión, cómpre centrar o debate nas medidas a aplicar no ámbito local, malia a insistencia noutros aspectos como os posibles pactos do Goberno central con Bildu do PP nacional. “Este é o momento de falar do que se quere facer en cada concello. Onde se goberna, explicar o que xa se fixo e o que se quere seguir facendo. E, onde se aspira a gobernar, facer chegar á xente as nosas propostas”, resumiu Rueda.