Fernando Pérez Fernández | Alcalde e candidato polo PP de Vilasantar

“Seguiremos apostando polos servizos e por vender o noso potencial natural”

“É certo que temos problemas de tesourería pero antepoñemos seguir facendo melloras”

Fernando Pérez.  | // L.O.

Fernando Pérez. | // L.O. / Antares Pérez

Acaba un mandato marcado pola pandemia. Que balance fai?

Si, foi moi complicado para todos, pero ensinounos moitas cousas, a principal, que hai centrarse nas persoas, iso é fundamental. Sobre todo nos maiores.

De que está máis satisfeito?

Principalmente de fortalecer o servizo de axuda no fogar. O Concello de Vilasantar conta a día de hoxe con quince traballadoras a xornada completa. Atendemos en máis de cen vivendas e temos máis de 21.000 horas ao ano. É unha porcentaxe moi alta comparado con outros concellos. Síntome tamén moi orgulloso da implementación dun servizo de transporte gratuíto para os maiores que carecen de recursos para desprazarse. Os levamos ao médico, á farmacia, ás actividades municipais... E a nivel de infraestruturas e dotacións, estou moi contento de arranxar integralmente o colexio de Présaras, que é o futuro de Vilasantar, de crear a casa niño ou da rehabilitación integral do albergue da Laxe. Tamén dunhas novas pistas deportivas, un parque infantil, de cambiar a metade das luminarias e da aposta pola reciclaxe e a creación dun punto verde. Precisamente o noso traballo nese eido foi recoñecido recentemente cun premio da Aecoc pola loita contra o desperdicio alimentario.

E sáenlle as contas?

Imos ver, non lle vou a dicir que o noso concello estea completamente saneado, temos moitos problemas de tesourería, de liquidez, cústanos moito afrontar se 20% das obras que cofinancian a Xunta e a Deputación, para nós é unha barbaridade pero ou non o facemos ou temos problemas de liquidez. Endebedados non estamos, pero é certo que temos moitos problemas de tesourería, pero antepoñemos seguir facendo obras e melloras.

Notan moito a inflación?

Moitísimo, nós desde o ano 2013 non subimos ningún tipo de taxa e imposto, claro que o notamos, absolutamente en todo. De feito, a luz, unha barbaridade.

Se revalida o goberno, cales van ser as súas prioridades?

Seguir apostando por servizos de calidade, políticas que incidan nas persoas. Queremos seguir impulsando o tema da economía circular, temos un proxecto xa preparado para a construción dun novo punto limpo, non industrial senón de construción de arquitectura bioclimática e sostible. E, sobre todo, seguir vendendo o noso potencial turístico e natural. A nosa idea é seguir humanizando toda a contorna do albergue da Laxe.

E algún equipamento novo que considere especialmente necesario? O centro de día segue pendente

O centro de día é unha aposta que vén de vello e por suposto que o queremos. Temos un terreo que está en trámites de ceder o Consorcio de Benestar e loxicamente estamos a traballar para tentar que veña este centro de día para Vilasantar.

TEMAS