Yolanda Díaz: "A política útil na Coruña chámase Sande"

A vicepresidenta pide o voto nos comicios de maio para a plataforma Por Coruña: "Nestas eleccións xogámonos demasiado, entre modelos municipais moi diferentes"

A candidatura Por Coruña contestaba, a pregunta deste xornal sobre o carácter que tomarían os actos electorais, que a plataforma de coalición levaría a cabo iniciativas modestas, no espazo público, con posibilidade de falar “de ti a ti” ao non contaren cos “mesmos recursos económicos” que o resto de partidos en campaña. A visita da vicepresidenta segunda e ministra do Traballo do Goberno de coalición non mudou a estratexia da plataforma. Valéndose dun paseo informal entre a praza do Obelisco e María Pita, e dun chamamento aberto á carón do Concello, micrófono en man e cun vehículo serigrafiado co emblema da candidatura por todo atrezo, Yolanda Díaz interpelou á cidadanía coruñesa: “A política útil na Coruña chámase Por Coruña e chámase José Manuel Sande”.

A vicepresidenta recalou este xoves na Coruña cunha función: poñer o foco mediático sobre unha das candidaturas que, como consecuencia da fragmentación da listaxe que concorreu unida aos comicios anteriores, menos visibilidade está captando dende o comezo da campaña. “Non tiña tantas cámaras diante dende a imputación polo do Papa”, comentaba José Manuel Sande, en referencia aos seus tempos como concelleiro de Culturas durante o Goberno municipal de Marea Atlántica, cando foi levado aos tribunais pola Asociación de Viúvas de Lugo por mor dun cartel de Entroido co debuxo do Pontífice.

Yolanda Díaz e José Manuel Sande

Yolanda Díaz e José Manuel Sande, ante os medios en María Pita / Víctor Echave

As apertas, os bicos e as mostras de afecto marcaron o acto dende que a vicepresidenta puxo un pé na praza do Obelisco. Primeiro, co candidato, ao que situou como “un querido amigo que sempre me apoiou”. Seguíronlle nos saúdos agarimosos outros integrantes de Por Coruña. E, por último, a un discreto Suso Díaz, o seu pai, a figura que pecha a listaxe de Por Coruña e coa que a vicepresidenta se fundiu nunha emotiva aperta ante os aplausos da concorrencia. 

Todos xuntos, a continuación, encararon o percorrido que separa ambas prazas. Unha marcha que contou con varias paradas de marcado carácter simbólico: no Teatro Colón, primeiro, para reivindicar o cambio de nome por María Casares, na honra da actriz coruñesa. Na Dársena, en segundo lugar, para situar o foco nos peiraos coruñeses, en cuxa desafectación e uso se enmarca o futuro da cidade. No Parrote, onde algúns veciños e viandantes aproveitaron para pedirlle selfies á vicepresidenta, que atendeu, solícita, os eloxios dos seus admiradores: “Ti tes a culpa de que me afiliase a Esquerda Unida”, regaláballe un dos presentes.  "Querémoste de presidenta", instaba outro.

Yolanda Díaz e o seu pai, Suso díaz

Yolanda Díaz e o seu pai, Suso díaz / VICTOR ECHAVE

Xa en María Pita, onde foi recibida entre berros de “presidenta” e cunha fonda ovación pola multitude congregada, que roldaba o centenar, a vicepresidenta falou para “as mulleres, os autónomos, os traballadores” que se viron beneficiadas polas políticas postas en marcha dende o Ministerio de Traballo, mais tamén para as persoas comprometidas “coa emerxencia climática” ou as integrantes do “sector cultural” para pedir o seu apoio a Por Coruña nos comicios. Unhas eleccións que animou a encarar con “ilusión e esperanza” e “dicíndolle ao Partido Popular que non van gañar”. Díaz chamou á mobilización nuns comicios ameazados pola desafección do electorado e pola división da esquerda.

O candidato á Alcaldía de Por Coruña agradeceu o apoio decidido da vicepresidenta, á que situou como “amiga, referente e activo político”. Sande defendeu a necesidade de que a candidatura que encabeza “sexa relevante” en María Pita, e apelou a Por Coruña como un “proxecto de cidade” en “correlación coa idea de Sumar”, con asuntos como o futuro dos peiraos, a vivenda, os servizos públicos e o fornecemento do tecido cultural e deportivo como prioritarios a encarar dende o consistorio.

Esquerda dividida: "O importante é que sume a cidadanía"

Non abondou, porén, coa visita da vicepresidenta para desenlear o galimatías das candidaturas da esquerda. Mentres que Díaz manifestou dende a cidade o seu apoio, decidido e sen ambaxes, a Por Coruña, “por unha razón ben sinxela: defender un modelo de cidade, e de país, que teña que ver cos valores que representa o noso candidato, José Manuel Sande”, en Santiago de Compostela, que visitou pola mañá no marco das festas da Ascensión, o seu aval foi para Compostela Aberta.

Na capital de Galicia, nun acto que non contou coa presenza do que fora alcalde polas siglas da coalición, Martiño Noriega (que si estivo esta semana na Coruña para apoiar a Xan Xove, candidato da Marea Atlántica), Yolanda Díaz referendou á candidata de Compostela Aberta, que concorre ás eleccións municipais como espazo de confluencia das formacións que a constituíron nun inicio: Podemos, Anova e Esquerda Unida. Non contou tampouco o acto compostelán con representación de Marea Atlántica, candidatura afín. 

No caso coruñés, Díaz pediu o voto para Por Coruña, coalición composta por Podemos, Esquerda Unida e Alianza Verde, non así para Marea Atlántica. Ante o embrollo resultante, Yolanda Díaz optou por chamar á unidade no electorado: “O importante é que sume a cidadanía. O importante está fora, non dentro. Sei que a xente quere sumar, e a min vanme atopar sempre sumando”, advertiu a vicepresidenta, que lembrou que avances como "a reforma laboral, a subida do salario mínimo, o estatuto dos artistas ou a igualdade retributiva", déronse "sumando e dialogando".