Entrevista | Carolina Castiñeiras Candidata polo BNG na Laracha

“Haberá un momento de inflexión e hai que estar preparados para dar o relevo”

"Sempre botei en falta que este Goberno deixase participar máis á oposición"

Carolina Castiñeiras

Carolina Castiñeiras / La Opinión

Daniel Abelenda Lado

Daniel Abelenda Lado

Como encara a súa candidatura como cabeza de lista?

Estamos bastante animados. Hai moita xente nova que lle dá o empurrón extra de ilusión. Estamos a ter boas vibracións nestes días de reparto. Xente coa que non contas que te vote empeza a dicir que é hora dun cambio.

É esta a ocasión dese cambio?

Isto é unha carreira de fondo. Nalgún momento ten que ser. En Carballo, pola proximidade, coméntannolo. Haberá un momento de inflexión e hai que estar preparados para dar o relevo. Mentres, haberá que traballar na oposición con total lealdade institucional.

Cal sería a súa primeira medida como alcaldesa?

O primeiro será ver cal é a verdadeira situación da Laracha. Cando chegas a un Concello que leva tantos anos gobernado polos mesmos, hai que revisar como está todo. Sempre botei en falta que este Goberno deixase participar máis á oposición, que representa a un número moi importante de votantes.

Como incentivará o comercio?

Temos un problema grave no comercio local. Non se dá implantado un centro comercial aberto. Cremos que aos comerciantes non se lles está incentivando da mellor maneira desde o Goberno actual. Hai que poñer a un traballador do concello ou a unha empresa a xestionar unha asociación de comerciantes.

Que propoñen para os mozos?

Queremos escoitalos. Demándannos moitísimo que se amplíen os horarios da biblioteca porque non teñen onde estudar para preparar os exames. Tamén nos pediron iniciativas de saúde mental. Sería importante incidir niso porque, desgraciadamente, somos un concello cun dos índices máis altos en suicidios.

Cal é o seu ideal dunha Laracha mellor?

A Laracha ten que ter unha identidade propia. É o que se fixo en Carballo cando chegou Evencio Ferrero. Nós temos que pensar ben, sentarnos e estudar as potencialidades e a debilidades do noso concello. Hai que unilo todo e conseguir que sexa un referente por si mesmo sen ter que copiar a ninguén.