Yo fui candidato

María García: Unha campaña feita a man

Xulio Ferreiro e María García, na campaña de 2019. |   // VÍCTOR ECHAVE

Xulio Ferreiro e María García, na campaña de 2019. | // VÍCTOR ECHAVE / María García

María García

Na Marea Atlántica dicimos que facemos política “coas nosas mans”: nós, directamente. Sen ordes de arriba. Sen intermediarios, sen pagar a quen nos faga o traballo. E así son as nosas campañas: nós ideamos os lemas, a imaxe, o programa. Nós pegamos os carteis, cargamos a furgoneta, descargamos, volvemos a cargar. Nós redactamos os discursos. Nós preparamos a escenografía, cociñamos os pinchos, redactamos o xornal, repartimos milleiros de exemplares polos barrios. Coas nosas mans.

É esixente, pero tamén é fermoso, construir unha campaña co esforzo de tantas persoas: cidadanía normal e común, sen máis aspiracións da política que defender os seus dereitos e os da persoa que pasa ao seu carón, sen que importe demasiado quen é e que fai da súa vida. Porque iso, ao fin e ao cabo, é o que somos na Marea Atlántica: veciñas e veciños da Coruña que demos un paso adiante para representar a xente corrente.

As campañas son un momento álxido do traballo na política. Hai quen lles dá un carácter de espectáculo, con moitas luces, moito circo, moita algarabía, moitos cartos. Para min teñen un sentido máis profundo: a campaña é o momento de selar un pacto co electorado. De proxectar a cidade que queremos no futuro. De presentar o traballo feito, tamén o que quedou pendente, e marcarse novos retos. De elaborar un programa que está para cumprirse, e que nunca debe esquecerse.

Por iso creo que as campañas son momentos de diálogo coa cidade, de creación e visión de futuro, de escoita, de facer equipo. De pedir o voto das veciñas e veciños e procurar a súa confianza, un ben valioso e fráxil que hai que tratar con coidado para que non rompa. Un momento tamén de crecemento persoal das candidatas e candidatos, que son humanas coma todas nós, coas súas inseguridades e os seus obstáculos que deben ir superando.

Esta campaña de 2023 será para min a última no Concello da Coruña, pero non na Marea Atlántica. Despois de oito anos en María Pita, remato a miña etapa como representante pública e volvo a miña vida de antes, persoa anónima común e corrente. Pero seguirei a carón de Xan Xove e o seu equipo de candidatura facendo política e campaña como facemos na Marea Atlántica: coas nosas mans, sempre.

María García foi nas listas de Marea Atlántica en 2015 e 2019 e foi concelleira de Medio Ambiente no Goberno de Xulio Ferreiro.