Un tempo intenso

Lage Tuñas, Díaz Villoslada e Santiago Roura, antes das negociacións para lograr a Alcaldía. |  // V. ECHAVE

Lage Tuñas, Díaz Villoslada e Santiago Roura, antes das negociacións para lograr a Alcaldía. | // V. ECHAVE / Juan Díaz Villoslada

Juan Díaz Villoslada

Nas eleccións locais de 2019 formei parte da candidatura do PSdeG-PSOE que lideraba Inés Rey. Andaba eu como deputado no Parlamento de Galicia levando distintas cuestións autonómicas, ao tempo que defendendo os intereses da Coruña que se sometían ao debate parlamentario. A integración urbana do porto interior, o centro de saúde na Falperra, a vía ártabra, o transporte metropolitano, a dragaxe da ría do Burgo, mesmo a situación de Alcoa ou, daquela, o inicio do proxecto da Cidade das TIC, citando algúns, porque os retos da área coruñesa son de moito alcance para 400.000 persoas.

Por iso, incorporarme na nosa candidatura na Coruña significaba un reto persoal, pero sobre todo colectivo, para traballar na consecución destes proxectos, especialmente para tratar de coñecer e buscar solucións nos distintos barrios da cidade.

Loxicamente quen lidera a candidatura é a persoa que leva o peso da campaña, é quen ten toda a exposición pública, é quen ten que proxectar a necesaria capacidade de liderado, de diálogo e de escoita cos veciños.

A verdade é que a campaña é un tempo ben intenso, máxime cando concurres no ámbito local, perante as necesidades, proxectos e anhelos que trasladan ás candidaturas os veciños cando percorres cada barrio.

Pero ahí está tamén o reto, na obriga de escoitar e priorizar, moitas veces e máis nos asuntos locais, por riba de formulacións “meramente” ideolóxicas. Atender as necesidades dos servizos sociais, os programas culturais e educativos, os problemas na mobilidade, os retos medioambientais, o tecido deportivo ou o complexo urbanismo da cidade, ten moito de compromiso nos programas electorais de cada partido, pero implica un alto grao de capacidade de xestión da cousa pública, e sobre de todo esixe un intenso esforzo para buscar os acordos máis amplos na Corporación municipal.

Daquela campaña de 2019 o momento máis sinlaado que lembro foi no propio día das votacións, cando acompañando a Inés Rey nun percorrido por distintos locais electorais, encontrámonos con candidatas de distintos partidos na porta do colexio electoral do Eusebio da Guarda e comentamos todos xuntos as incidencias do día, con incertidumes, con bromas, con ilusións, nun exercicio de diálogo cívico que tantas veces se bota de menos, especialmente na refriega política diaria.

Por suposto que a maior alegría foi o resultado acadado pola nosa candidata. De ahí en adiante, os veciños darán o seu veredicto o vindeiro domingo 28 deste mes de maio.

Foi candidato na lista de Inés Rey en 2019 e ocupou tres anos a concellería de Urbanismo, ate a súa dimisión por diferencias coa cúpula de Alcaldía.