Yo fui candidato

Yo fui candidato, Manuel Monge: Educación política e mobilización cívica

Manuel Monge celebra os seis concelleiros acadados polo BNG nas municipais de 2003. Desde a esquerda, Mario López Rico, Margarida Vázquez, Henrique Tello, Mercedes Rodríguez, Monge e Ermitas Valencia, os seis elixidos edís. |   // J. R.

Manuel Monge celebra os seis concelleiros acadados polo BNG nas municipais de 2003. Desde a esquerda, Mario López Rico, Margarida Vázquez, Henrique Tello, Mercedes Rodríguez, Monge e Ermitas Valencia, os seis elixidos edís. | // J. R. / Manuel Monge

Manuel Monge

Agradezo a oportunidade de poder transmitir a miña experiencia cono candidato e participante en campañas electorais desde hai 45 anos. Considérome unha persoa política, todos somos políticos. Aquí o único que non era político era o ditador Franco que dicía: “Usted haga como yo, no se meta en política”.

Loitamos moito para acabar co réxime de Franco —resultado dun golpe de Estado en 1936 contra o Goberno lexítimo da República— que foi definido como fascista por Nacións Unidas en 1946. Pensabamos que coas primeiras eleccións de 15 de xuño de 1977 chegaba a democracia e a liberdade, pero comprobei que a chamada Transición tivo moito de Transacción e que non foi modélica.

Non foron legalizados todos os partidos políticos e a Organización Revolucionaria de Traballadores na que militaba tivo que presentarse como Agrupación de Electores. Dous meses antes, o 14 de abril, colocamos unha mesa na rúa Estrela con propaganda da República e pasamos a noite na Comisaria de Policía da Coruña. Encabecei, daquela, a candidatura pola Coruña e o cartaz electoral levaba unha “foto-matón”. Utilizamos o tempo electoral na televisión para difundir o programa e acabamos cantando a dúo e en directo o himno electoral: “Apoiemos a candidatura dos traballadores…”

En 2003 fun elixido concelleiro polo BNG, que tivo 28.350 votos e seis concelleiras/os. Como interventor tiña dereito a día libre, pero o luns estaba no instituto como sempre. Durante catro anos continuei traballando como profesor, non me rebaixaron nin unha hora da miña xornada lectiva e o que cobraba por asistencia a Plenos e Comisións ingresábase directamente na conta do BNG.

Participei nas candidaturas municipais cando así foi decidido: nº 5 en 2003, nº 10 en 2007, nº 20 en 2011. Non figuro na candidatura destas eleccións, pero estou a facer o de sempre: asistir aos actos programados, repartir propaganda, pegar cartaces e apoderado na mesa electoral.

Aprendín que o traballo institucional como concelleiro debe ir acompañado dunha actividade no movemento asociativo porque só a educación política e a mobilización cívica son garantes dun auténtico cambio.

Manuel Monge foi candidato do BNG nas eleccións municipais de 2003, 2007 e 2011, e concelleiro entre os anos 2003 e 2007