Seis días de concertos eclécticos gratuítos, máis de 80 bandas e artistas imprescindibles, 14 escenarios urbanos emblemáticos, 150 horas de música ao vivo e unha marcada presencia feminina definen o 32º Festival Noroeste Estrella Galicia, que do 7 ao 12 de agosto convertirá A Coruña nun fervedoiro de propostas musicais singulares. Este 2018, o Festival Noroeste Estrella Galicia continúa a súa aposta pola calidade, a diversidade e a contemporaneidade para públicos diversos, nunha cidade aberta e próxima que se mecerá ao son da mellor música.

Belle and Sebastian, The Pretenders, Viva Suecia e Temples serviranse como pratos fortes do festival no escenario da Praia de Riazor as veladas do venres 10 e o sábado 11 de agosto. Tralo seu paso por citas tan imprescindibles como o Primavera Sound ou o FIB, a troupe de Stuart Murdoch chegará á Coruña para deleitarnos con algún dos himnos do indie pop máis míticos das últimas décadas. Mentres, a lexendaria banda de inspiración New Wave liderada desde hai xa 40 anos por Chrissie Hynde fará vibrar ao público no areal da baía herculina cos temas do seu último traballo, Alone, e con hits tan gloriosos como Don' t Get Me Wrong ou I'll Stand By You. Pola súa banda, o indie pop máis celebrado da escena española do momento chegará a Riazor con Viva Suecia, mentres que Temples despregará o seu rock independente e psicodélico con sabor británico.

Un ano máis, o Noroeste, organizado polo Concello da Coruña coa colaboración especial de Estrella Galicia, abrirase aos sons e estilos máis variados -pop, rock, swing, folk, psicodelia, reminiscencias sixties, funk, hip hop, sonidos urbanos, flamenco experimental, fado, jazz, electrónica, vanguardia minimalista, canción de autor, country, rock progresivo, garage, rockabilly, indie e ata o hardcore máis salvaxe- nun total de 14 localizaciones urbanas emblemáticas: o Bulevar do Papagaio, o Campo da Leña, a Casa Museo Casares Quiroga, o Castelo de Santo Antón, a Fundación Luis Seoane, o Parque do Paseo das Pontes, a Praia de Riazor, a Praza das Bárbaras, a Praza José Sellier Loup, a Praza de San Nicolás, a Rúa Torreiro, a Rúa Capitán Troncoso, o Teatro Rosalía Castro e o Teatro Colón. Ademais, seguindo a estela aberta nas súas edicións máis recentes, o Noroeste Estrella Galicia incluirá da mañá á noite diferentes liñas de programación para o desfrute dos públicos máis diversos.

Co Noroeste Expandido, a música toma as prazas, os museos, os parques, o castelo e os edificios máis especiais da Coruña con todo tipo de sons. Pola súa banda, as Matinais son unha completa mostra da escena independiente galega e estatal, que enche de ritmo as prazas e rúas da cidade á hora do aperitivo. Non faltarán directos singulares para padais exquisitos que tamén queren vivir o Noroeste desde o patio de butacas da man da Selección Noroeste. Os concertos da Praia de Riazor acercarán actuacións de alta voltaxe para gozar dunha experiencia atlántica única con vistas á baía herculina. E, finalmente, co Mercado da Colleita, o festival despedirase a fin de semana cunha romaría popular no Parque do Paseo das Pontes, para gozar coa mellor música e con moitas outras actividades para toda a familia.

Como apunta o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento do Concello da Coruña, José Manuel Sande, "o eclecticismo, a calidade dos directos, a aposta polo descubrimento e un mapa de sons con opcións para todos os públicos fan do Noroeste Estrella Galicia un encontro único, afianzándose como un festival que é xa patrimonio da música estatal". Para o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, "o feito de que os escenarios estean repartidos por distintos puntos emblemáticos provoca que cidade e festival dialoguen de maneira máis natural e orgánica. Fronte ao concepto de recinto pechado, esta proposta ten vocación aberta e integradora: a cidade atlántica como sinónimo de espazo de cultura e de vivencias únicas". Ferreiro destaca, ademais, a singularidade e a responsabilidade da fórmula do Noroeste, como "un proxecto que aposta pola creación feminina e pola calidade como máxima absoluta". O cartel desta 32º edición do festival presenta un abanico de artistas tan variados como singulares e prestixiosos, para que toda a cidadanía local e foránea poda vivir a música dunha forma experiencial, próxima e sostible. En palabras de Ferreiro, "no Noroeste Estrella Galicia podes dirixirte a un concerto que teñas apuntado na axenda ou pasear polas rúas da Coruña e toparte cun artista ao que quizais non coñecías, pero que, sen dúbida, paga a pena descubrir, e que está a tocar nun recuncho encantador".UN REPASO AO CARTEL DO 32º FESTIVAL NOROESTE ESTRELLA GALICIA

UN REPASO AO CARTEL DO 32º FESTIVAL NOROESTE ESTRELLA GALICIAComo estrelas internacionais do cartel deste 32º Noroeste Estrella Galicia aparece The Pretenders, o lexendario combo nuevaolero de Chrissy Hynde. Tamén Belle and Sebastian, encantador grupo de Glasgow que escribiu algunhas das cancións de pop británico máis emocionantes das dúas últimas décadas. Non menos mítica é Neneh Cherry, unha das líderes do son trip hop dos 90 e dona dunha traxectoria inqueda e en constante procura de novos territorios. Outro veterán de mil batallas é James Holden, DJ de electrónica que fará as delicias dos seus seguidores no Teatro Rosalía Castro. A ex Stereolab Laetitia Sadier, secundada polo seu Source Ensemble, dará renda solta á súa visión particular do folk-pop ensoñador. Roy Ellis, pola súa banda, é unha lenda da música xamaicana que se mantén en plena forma aos seus 72 anos. Dorian Wood, angelino de orixe latina, é unha forza escénica que desborda personalidade a través do pop e da vangarda. Máis novos son os británicos Temples, que traen á praia toda a actualidade do pop psicodélico dos 60.

Se a presencia de artistas foráneos chama a atención, tanto ou máis o fai a estatal. Maria Arnal i Marcel Bagés son unha das aparicións máis fulgurantes na música española coa súa mestura de tradición e modernidade. Que dicir de Maria del Mar Bonet, clásica representante da música mediterránea. Máis voces de muller interesantes: a innovadora Bflecha, Rocío Márquez e o seu flamenco heterodoxo e hipnotizante, a crudeza sedutora de Maika Makovski, Nathy Peluso -fascinante animal escénico que parte de sons urbanos para chegar ao mundo-, a profundidade pop de Christina Rosenvinge, as marabillosas cancións da novísima Marem Ladson, a voz privilexiada de Morgan, o fado de Dona Rosa e a sempre transgresora e interesante proposta de Ana Curra. Non faltará o soul de The Limboos e Aurora & The Betrayers, a xuventude exultante de La Plata e Viva Suecia, a canción de autor heterodoxa de Ángel Stanich ou os inclasificables e hipnóticos ZA! Tampouco debemos esquecer outros nomes de aquí e de fóra como os de Les Filles de Illighadad, T ou Andhrea & The Black Cats.

Sen dúbida, Outra das características que fan especial ao Noroeste Estrella Galicia é a súa vinculación co talento local e autonómico, como verdadeiro escaparate do que está a acontecer na nova escena musical galega. Este 2018 contará coa participación de nomes que pisan forte e chegan con gañas de mostrarse ao mundo: Mordem, Wondermind, Bea a de Estrella, Carla Green & The Demons, Oh!Mega, Las Antonias, Mad Martin Trío, The Big Lis Gumbo Band, Glitchgirl, The Lákazans, Hexany, Nortones, Escuchando Elefantes?