"A auga é o elemento base da nosa actividade empresarial. Obtémola da natureza baixo unhas determinadas condicións que garanten a súa calidade e cómprenos continuar protexendoas. Os balnearios somos empresas sostibles: dependemos da saúde dos acuíferos e qué mellor maneira de defendelos que que haxa unha empresa pendente do seu coidado", salientou o director-xerente de Caldaria, Javier Soto, en representación dos balnearios galegos durante a xornada 'Termalismo sostible para o século XXI', na que quixo incidir na importancia de que o sector termal continúe protexendo a riqueza de acuíferos que hai en Galicia para evitar a súa contaminación e a sobreexplotación da auga.

Así é, tanto os balnearios como as empresas envasadoras de auga mineral quixeron deixar claro que continuarán responsabilízanse de preservar a pureza orixinal dos mananciais e do coidado do seu contorno. Organizada pola Asociación de Balnearios de Galicia, a xornada tivo lugar este mércores na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, onde contou ca presenza do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; a presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia, Marisol Espiño; o presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Juan de Dios; ou a directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, Elena Alonso.

Galicia, modelo de balneoterapia, con 1.200 postos de traballo no sector

Galicia, modelo de balneoterapia, con 1.200 postos de traballo no sectorDurante a súa intervención, Soto subliñou así o feito de que son as propias empresas balnearias as que teñen desenvolto protocolos de explotación da auga. Neste senso, puxo de relevancia unha lei de 1995 pioneira no conxunto de España no relativo á protección dos acuíferos, que contribuíu a crear en Galicia "un modelo de balneoterapia que levou á nosa comunidade á primeira liña neste eido, dende o punto de vista do turismo termal, tanto de lecer como sanitario".

Na cita, que reuniu a profesionais vencellados ao sector e a estudantes universitarios interesados, púxose ademais de relevo que os balnearios xeran na actualidade 1.200 postos de traballo en Galicia. As augas minerais, pola súa parte, dan emprego directo a 4.500 persoas e indirecto a decenas de miles en toda España. Un sector, este último, que traballa tamén pola protección do medio, coidando o contorno natural dos acuíferos de cara a garantir a sostibilidade dun recurso renovable, segundo indicou a secretaria xeral da Asociación Nacional de Empresas de Aguas de Bebida Envasadas -ANEABE-, Irene Zafra, outra das poñentes da xornada.

A directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da UVigo, Elena Alonso, finalmente, resaltou que as augas minerais e termais son unha opción de futuro para os estudantes de Minas, profesionais responsables da investigación e explotación das augas. "Se a isto lle sumamos a relevancia e peso que ten o sector das augas mineromedicinais de Galicia no contexto nacional, constitúe unha opción profesional moi atractiva", despediuse.

Os balnearios galegos presentan a súa nova web

Os balnearios galegos presentan a súa nova webNo transcurso da xornada o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, presentou a nova páxina web da entidade, "con máis recursos de interese para os usuarios e máis información relativa ás indicacións terapéuticas das augas mineromedicinais da comunidade e ás posibilidades que oferta cada balneario, tanto dende o punto de vista do lecer como do sanitario". Pola súa parte, o director xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ángel Bernardo Tahoces, foi o encargado de pechar a sesión.