A empresa concesionaria da auga Viaqua, lanza unha campaña informativa sobre a FP Dual da Auga que promove coa Xunta de Galicia e o CIFP Politécnico de Santiago de Compostela, un exemplo de colaboración público-privada que suma o coñecemento específico das empresas operadoras coa planificación dunha oferta formativa axustada ás demandas profesionais do sector e da sociedade.

A campaña “O teu futuro máis claro cá auga” pretende achegar o FP de Redes e Estacións de Tratamento de Agua a xente que busque unha saída laboral no sector da auga. Entre as distintas accións de comunicación, estase a ubicar un tótem informativo nalgúns dos principais municipios galegos como Santiago de Compostela, Ourense, Pontevedra e Betanzos.

Tótem FP Dual Viaqua Betanzos. Cedida

A Formación Profesional Dual é unha modalidade de FP na que o estudante combina a formación no centro educativo coa actividade na empresa, aprendendo contidos e temáticas en conexión directa coa realidade da profesión. Esta modalidade de formación dual ten como obxectivo crear emprego de calidade, onde un empregado con formación solvente ten a capacidade de proporcionar un maior valor no seu desempeño a curto prazo, pero tamén a medio prazo pola capacidade de aprender continuamente. “As persoas que realicen a FP Dual da Auga contarán cunha formación especializada, o que implica o dominio de ferramentas adaptadas á realidade laboral actual, facilitando a eficiencia e mellora continua dos servizos que presta.”.- declara Alicia Royo, Directora de RRHH de Viaqua.

Viaqua leva dende o ano 2017 implicándose no impulso dun novo modelo de formación dual, máis aló das prácticas tradicionais, impartindo esta FP Dual para formar a futuros técnicos e técnicas especialistas no ciclo integral da auga. Dende a empresa defenden este modelo educativo como clave para combater o desemprego xuvenil e favorecer a recuperación económica, xa que conta cunha cociente de inserción laboral superior ao 70% entre os mozos de menos de 25 anos. “O éxito deste modelo educativo, baseado na colaboración entre administracións públicas, centros educativos e as empresas, permite axuntar emprego, talento e produtividade.” – destaca a directora de RRHH de Viaqua.

A terceira edición do FP Dual da Auga comezará en setembro 2021 e desenvolverase en dous cursos 2021-22 e 2022-23. O 64% da formación realizarase no centro educativo e o 36% serán prácticas remuneradas nas instalacións de Viaqua.

O prazo de inscrición abriuse o 25 de xuño e manterase aberto o prazo ata o día 2 de xullo. Terá unha oferta de 15 prazas. Os interesados e interesadas deberán realizar a matrícula no propio centro CIFP Politécnico de Santiago ou en calquera centro que oferte a modalidade de FP Dual. As prácticas realizaranse en distintos centros de Viaqua ubicados nas catro provincias galegas, nas que pasarán por diferentes traballos relacionados co ciclo urbano da auga: Estacións de Depuración de Auga Residual (EDAR), Estacións de Tratamento de Auga Potable (ETAP) e traballos na rede.

Máis información: https://www.viaqua.gal/gl/fp-dual