A concellería de Medio Ambiente do Concello do Grove segue a sumar no seu compromiso coa reciclaxe e pasan de dez centros de compostaxe comunitario a catorce, coa implantación de novas unidades: unha primeira está sita no Corgo, ao carón da Casa do Concello; mentres que a segunda pode empregarse xa na rúa do Paial, perpendicular a rúa Tenente Domínguez; finalmente, hai unha terceira fronte ao bar Acuarela, na avenida de Beiramar. 

Estes novos centros súmanse aos dez xa existentes e ademais ós máis de mil composteiros individuais cos que xa conta o municipio para continuar fomentando e facilitando a implicación da veciñanza no reciclaxe dos bioresiduos. Todo isto tras a nova lei de ‘Residuos e chans contaminados para unha economía circular’, aprobado o 31 de marzo no Parlamento e que entrará en vigor nos próximos días tras a súa publicación no BOE. 

“A nova lei aprobada recentemente implica un cambio radical na xestión dos residuos domésticos: vai ser obrigatorio a reciclaxe de residuos orgánicos coma os restos de peixe, carne, froitas, verduras… E, dende o concello de O Grove, queremos facilitar esta transición”, explican neste senso dende a entidade municipal, que agradece aos veciños da vila a súa colaboración a través do uso destes centros de compostaxe ou, no seu caso, das recollidas selectivas que se espera que se implanten nos próximos meses no marco da apertura da Planta de Tremoedo de Xestión Orgánica da Xunta de Galicia para 2023.