Moito ollo lectores e lectoras porque a Cadela Lúa está a piques de converterse nunha das personaxes máis importantes do Xacobeo 2021-2022. A súa é unha desas historias que mostran coma o poder da amizade, a constancia e o esforzo poden con todo; a razón pola que nunca, ni tan sequera cando nos pareza que todo vai mal, podemos perder a esperanza.

Ela foi abandonada pola súa propia familia cando tiña só tres anos, pero tivo a sorte de coñecer a Mike, un peregrino inglés que se dirixía a Santiago, e o seu sino cambiou para sempre. Agora xa recuperada e máis leda que nunca, conta nunha entrevista para Escola en Camiño a súa andaina con Mike a través das rutas Xacobeas.

“Gustaríame pedir ós lectores que non nos abandonen. É o que máis doe do mundo”

Unha historia de superación

“Levaba vivindo coa miña familia dende que nacín. Eramos moi felices ata que chegou un canciño novo á familia. Eu púxenme moi contenta pero, os meus donos, deixaron de querer xogar comigo. Unha tarde, cando pensaba que por fin íamos xogar xuntos no Monte Aloia, baixei do coche e eles arrincaron e marcharon”. 

Xa vos haberedes dado conta de que Lúa é imaxinaria pero, tristemente, o seu caso si é moi real. Sábeno ben os alumnos de 4º de Primaria do CEIP San Salvador. Moi implicados na súa colaboración coa Protectora de Animais de Vigo, queren aproveitar Escola en Camiño para concienciar aos lectores sobre o abandono animal. Deste xeito, ao longo dunha ducia de preguntas e a través da voz de Lúa, ao estilo dos mellores guionistas da multinacional Pixar, os reporteiros de Escola en Camiño contan unha grave problemática que, malia todo, remata con final feliz neste caso. 

Contra o abandono animal

“Tratei de volver a casa, vin unha edificación moi grande e pareceume boa idea quedar alí por se aparecían os meus donos. Non sei canto tempo despois foi, pero si sei que me pareceu moito porque me sentín moi soa, Mike topoume e explicoume que estaba na Catedral de Tui, por onde pasa o Camiño Portugués. Envolveume nunha manta e púxome o meu nome: Lúa, porque a primeira vez que me viu aquela noite, os meus ollos brillaban como dúas lúas cheas na escuridade. Dende ese día xa non nos separamos”.

En Tui empezaron deste xeito Mike e Lúa unha viaxe apaixonante, que aínda non rematou a día de hoxe, co obxectivo de percorrer xuntos todos os Camiños de Santiago de cantos existen, descubrindo dende entón as paisaxes únicas que nos regalan as rutas Xacobeas e coñecendo lugares moi especiais coma o Monte do Gozo ou a Catedral de Santiago. 

A última pregunta

“Mike nunca esquece o seu bastón coa cabaza e cunha cuncha de vieira co meu nome, para que eu poida beber en calquera lugar”, conta Lúa, para quen os pequenos reporteiros de Escola en Camiño gardan aínda unha pregunta máis: 

— “Gustaríache facer algunha recomendación aos nosos lectores?”

— “Gustaríame aproveitar para pedirlles que respecten aos animais e que non os abandonen, xa que é o que máis doe do mundo.Tamén que persigan os seus soños e metas e nunca perdan a esperanza, con esforzo e constancia todo pode lograrse! “

A entrevista ó completo —¡tédela que ler enteira!— xa está activa na web de Escola en Camiño.