Incisiva, dinámica, profunda. Como reporteira, apunta maneiras. Xornal en man e coa actualidade como banda sonora, Nicole Iglesias López, estudante de 2º da ESO do centro vigués Niño Jesús de Praga, preséntanos entre aplausos e en exclusiva para Escola en Camiño ao seu avó Amadeo, un dos miles de millóns de “peregrinos que tiveron a sorte de poder facer o Camiño”, “coñecido mundialmente dende o descubrimento da tumba do Apóstolo na Idade Media”. 

Empeza Nicole nun vídeo de tres minutos a preguntar polo principio; e Amadeo, claro, responde tamén por aí: tan importante como a viaxe é o motivo; tanto como a chegada, o camiño.

"Tan importante como a viaxe é o motivo; tanto como a chegada, o camiño"

O avó da nosa nova xornalista conta así que decidiu emprender a súa andaina Xacobea por curiosidade e porque tiña ganas, algo tan sinxelo coma iso. Fíxoo acompañado da súa sobriña e comezou o día 8 de setembro dende Sarria, a cen quilómetros de Santiago, distancia mínima necesaria, como é sabido, para lograr a Compostela. 

Da viaxe destaca ante todo a fraternidade, a xente e as paisaxes, con pobos tan bonitos coma a propia Sarria, Porto Marín, Arzúa, Pedrouzo… — “E que sentiches ao chegar a Santiago?”, pregunta a neta. “Que había feito o Camiño, que era o que quería”, responde o avó. 

Nicole e o seu avó Amadeo Escola en Camiño

O sorriso coma consello

— “Un consello para a xente que aínda non o fixera nunca?” — “Que o faga porqué é moi bonito”, di a Amadeo e mellor aínda que as súas declaracións é, para animar á xente a anotarse a aventura de ser peregrino, o sorriso do seu rostro en cada unha das fotos da viaxe que mostra Nicole no seu vídeo. 

Entrevistas reais e imaxinarias, esculturas, debuxos, textos, podcast, fotos, vídeos… Os coles de Escola en Camiño seguen a probar que a mellor forma de acercarnos ao Xacobeo 2021-2022 son as mentes dos cativos galegos. 

¡Xa podes ver o seu vídeo ao completo!

O proxecto escolar de Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, segue a recibir novos traballos dignos de premio e podédelos ver todos na páxina web de Escola en Camiño.

A andaina desta primeira edición permanecerá en marcha ata abril do 2022 e contará cunha gala de entrega de premios no Museo do Mar de Vigo. A maiores, elaborarase tamén o xornal “Escola en Camiño” cos mellores traballos, un exemplar que se distribuirá tanto nos centros educativos participantes como encartado con Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña.