Ambos son monumentos declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco, pero teñen algo máis en común: A Catedral de Santiago e a Torre de Pisa representan dous auténticos emblemas da Arte Románica na Europa Occidental, onde foi o estilo artístico predominante durante os séculos XI, XII e parte do XIII. 

Así nolo conta na súa presentación para Escola en Camiño o alumnado de 2º da ESO do CPR Padres Somascos - Fundación Educere, que, xunto ao seu profesor Víctor Pérez Bugarín, estivo a analizar as estruturas construtivas das catedrais románicas na materia de Tecnoloxía. 

Primeiro gran estilo cristián

Un traballo durante o que puideron descubrir, por exemplo, que o Románico supuxo o primeiro gran estilo cristián e que o mesmo caracterízase por incluír amplos piares compostos por núcleos prismáticos, arcos de medio punto, contrafortes e muros que sosteñen bóvedas e cubertas. 

Cúpulas sobre esquinas, ábsidas de medio punto, arcos curvados, criptas, campanarios, frisos decorativos e esculturas son tamén outros dos elementos propios do estilo que se coñece coma Románico. 

Unha proposta que naceu na rexión francesa de Borgoña a finais do século X, pero que ten moito que ver con Galicia e co Camiño de Santiago e a Catedral.

Non só porque sexa esta unha das obras cume desta expresión artística en España, senón tamén porque a súa chegada dende Francia ao resto de Europa entre os séculos XI e XIII (final da alta Idade Media) débese, en boa parte, aos camiños de peregrinación, especialmente ao de Roma e ao Camiño de Santiago, polas ordes mendicantes. 

Ademais da Catedral de Santiago e a Torre de Pisa, neste senso destacan tamén o Panteón de León (Castela e León), a Igrexa de Santa Fe de Conques (Francia), a Colexiata de Santillana del Mar (Cantabria) ou o Paray le Monial (Francia), entre outros. 

Se queres ler máis sobre o Románico e outros estilos importantes ao longo do Camiño coma o Gótico, non te perdas todos os traballos sobre Historia do Arte recollidos xa na páxina web de Escola en Camiño.