Versos de oito sílabas; rima en asonante para os pares; e deixamos libres, soltos, os impares; se queremos sinalefas, gañar marxe, temos que xuntar dúas vogais… E a lista sigue. Non é nada doado respectar as normas métricas da Idade Media á hora de pórse a compoñer, pero que ben soa, certo é, o Camiño de Santiago sobre notas medievais, son de guitarra, en forma de romance.

E senón que llo pregunten aos alumnos de 3º da ESO do CPR Padres Somascos - Fundación Educere, que, logo de estudar o xénero literario da poesía no Medievo en Lingua Castelá, tiveron a oportunidade de poñelo en práctica durante un obradoiro de escritura creativa xunto a súa profesora Begoña González

A literatura está nos libros, si, pero moito máis na vida: no que sentimos, no que contamos e, por suposto, tamén nas cancións que escoitamos

Unha actividade na que puideron aprender tamén conceptos vencellados á lírica popular na Idade Media coma jarchas, villancicos castellanos e cantigas de amigo; e tamén figuras literarias coma esa que compara dúas realidades: metáfora; ou esa outra que confunde os sentidos: sinestesia; ou a que repite sons similares entre si: aliteración

Para aprender todo isto e máis, pareceulle a Begoña González que o Camiño de Santiago podería resultar unha gran fonte de inspiración. 

“É perfecto. Préstase moito aos temas da literatura medieval, relacionadas coa ética, a relixión, as xestas...”, conta deste xeito a mestra, que sempre trata de buscar a maneira de mostrar ós seus alumnos que a literatura está nos libros, si, pero moito máis na vida: no que sentimos, no que contamos e, por suposto, tamén nas cancións que escoitamos

No primeiro trimestre, por exemplo, o mesmo equipo de 3º fixo un rap e pode ser, por que non?, que non haxa tanta diferencia entre as letras do famoso artista C. Tangana e as do alumnado do Somosancos nos seus romances para Escola en Camiño, onde falan das aventuras dunha viaxe, dos desenganos do amor e tamén desas preguntas para as que é difícil topar resposta. De feito: ¿Non podería ter escrito o autor de ‘El Madrileño’, entre os máis laureados do noso tempo, unha canción que levase por nome ‘Romance do peregrino’?

Deste xeito, precisamente, foi bautizado o vídeo no que, de maneira individual ou por parellas, o alumnado de 3º da ESO do CPR Padres Somascos - Fundación Educere vannos deleitando con rimas nas que se poñen no lugar do peregrino que marcha a Santiago para demostrar, unha vez máis, que hai mil e un xeitos de contar o Camiño. 

Sobre Escola en Camiño 

Escola en Camiño é o proxecto de Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia dirixido aos centros educativos de Galicia para divulgar entre as xeracións máis novas a dimensión cultural, social, económica e humanística do Camiño de Santiago. 

A andaina de esta primeira edición permanecerá en marcha ata abril do 2022 e contará cunha gala de entrega de premios no Museo do Mar de Vigo. A maiores, elaborarase tamén o xornal “Escola en Camiño” cos mellores traballos.