Sabes por que este é Ano Santo Xacobeo?, cal é a orixe desta singular data? ou por que estamos a vivir dous seguidos por primeira vez na historia do Camiño de Santiago? A todas estas preguntas responden a dous voces Vera e Helga, alumnas de 6º de Primaria do CPR Plurilingüe Sagrada Familia de Aldán, no vídeo explicativo sobre o Xubileo Compostelá que fixeron para Escola en Camiño, e que xa se pode ver na páxina web do proxecto escolar. 

Unha actividade na que tanto elas coma o resto da clase gozou enriquecéndose, buscando información e elaborando distintas pezas audiovisuais sobre os segredos técnicos e artísticos do Pórtico da Gloria ou as distintas rutas Xacobeas existentes, entre outros temas.  

Así e da man de Vera e Helga, hoxe aprendemos que aínda que Santiago foi centro de atracción de peregrinos dende a súa fundación como cidade no Século IX, a diferenza de verdade marcouna o Papa Calixto II en 1122, cando decidiu outorgar un novo privilexio xubilar aos devotos, con indulxencias plenarias para todos aqueles que acudisen a ver o Apóstolo nos anos nos que o 25 de xullo coincidise en domingo, un feito que sucede a intervalos de seis, cinco, seis e once anos. O Xacobeo, que se celebra dende entón e que se inicia coa apertura da Porta Santa, representa no plano espiritual unha oportunidade para comezar de novo grazas a misericordia de Deus, para o que debemos recoñecer os nosos erros, deixarnos iluminar pola palabra de Deus e realizar un esforzo de cambio.

Celebrado por última vez o pasado 2010, o Xacobeo volveu no 2021 para convertese no número 120 da historia dos anos santos compostelás, o cuarto festexado neste século e o primeiro que se está a alargar durante dous anos xa que, tal e como explican Vera e Helga tamén no seu vídeo, o Papa anunciou a súa ampliación ao ano 2022 debido as circunstancias excepcionais provocadas pola pandemia.