Lúa é unha cadela que foi abandonada pola súa familia. Tivo a sorte de coñecer a Mike, un peregrino inglés que se dirixía a Santiago. Dende ese día, xuntos teñen a meta de facer todos os camiños de Santiago.

Por que te abandonou a túa familia?

Levaba vivindo coa miña familia dende que nacín, hai 3 anos. Eramos moi felices ata que chegou un canciño novo á familia. Eu púxenme moi contenta pero, os meus donos, deixaron de querer xogar comigo. Unha tarde, cando pensaba que por fin íamos xogar xuntos no Monte Aloia, baixei do coche e eles arrincaron e marcharon.

Onde te atopou Mike?

Despois de que me abandonaron tratei de volver a casa. Corrín e corrín ata que cheguei a unha zona con moitas casas. Vin entón unha edificación moi grande e pareceume boa idea quedar alí por se aparecían os meus donos. Tempo despois, Mike atopoume alí e explicoume que era a Catedral de Tui , por onde pasa o Camiño Portugués.

Pasaches moito tempo abandonada?

Non o sei exactamente. A min pareceume moito porque me sentía moi soa.

Sei que foron varias noites ata que Mike se achegou a min, envolveume nunha manta, colleume no colo e levoume a durmir con el nun albergue. Dende ese día xa non nos separamos. 

Como sobreviviches antes de coñecer a Mike?

Cando cheguei á catedral, algunhas persoas comezaron a darme un pouco da súa comida e isto axudoume a recuperar forzas. 

Cambiou moito a túa vida dende que fuches adoptada por Mike?

Si, moitísimo! Por unha banda, ao principio a Mike non lle entendía nada! El naceu en Inglaterra e o que falaba era inglés. Aínda que agora xa sabe galego.

Antes vivía nunha casa con xardín, que era onde pasaba a maioría do tempo. Pola contra, agora paso máis tempo percorrendo o mundo que na casa! 

Quen che puxo o teu nome? Ten algún significado especial?

O meu nome púxomo Mike porque a 1ª vez que me viu aquela noite, os meus ollos brillaban como dúas lúas cheas na escuridade.

Gústame moito o nome de Lúa. A miña antiga familia chamábame “Pelusiña”... Pero non era tan especial. 

Como foi a 1ª vez que fixeches o camiño?

Foi bastante difícil. Comecei o camiño con Mike en Tui e eu estaba moi cansa .

Tivemos que parar un día enteiro na cidade de Pontevedra para que puidera recuperar forzas. Mike preocupouse moito por min e deume moita auga e un anaco dos seus bocatas de xamón.

Tardamos en total 7 días en chegar á Catedral de Santiago e, como premio, Mike regaloume un colar co meu nome e cunha pequena cuncha. Xa eramos oficialmente familia. 

Que camiño che custou máis?

O que máis me custou foi o primeiro, o Camiño Portugués, porque eu estaba en baixa forma e non estaba acostumada a camiñar tanto.

Pouco tempo despois, fixemos o Camiño Inglés, que tamén me pareceu complicado polas pendentes da zona de Betanzos. Pero era moi doado recuperar os folgos comendo as súas típicas e deliciosas tortillas de pataca. Agora todas as rutas que fago con Mike parécenme chupadas! 

Cal foi o último camiño que fixestes?

Foi o Camiño Francés. Foi o máis longo que fixemos ata agora. Saímos de Roncesvalles e tardamos máis dun mes. Foi incrible!

Coñecemos lugares moi bonitos. A min gustáronme especialmente lugares como Burgos ou O Cebreiro. Ademais había moita neve! Divertinme moito xogando con Mike! 

Como vos organizades cada vez que facedes o camiño?

Primeiro buscamos en Internet información sobre o camiño que faremos: cantos días tardaremos, onde están os albergues, canto diñeiro precisamos, lugares que debemos visitar...

Despois Mike prepara a súa mochila na que soamente leva o imprescindible: saco de durmir, un pequeno botiquín, unha cámara de fotos, roupa, calzado cómodo e o noso libro de viaxes.

Algo que Mike nunca esquece é o seu bastón coa cabaza e cunha cuncha de vieira co meu nome, para que eu poida beber en calquera lugar. 

Hai algún lugar que che parecera especial?

Un lugar que sempre será especial para min é a Catedral de Tui, porque foi onde Mike e máis eu nos vimos por 1ª vez.

Por suposto hai moitos outros, como a propia Catedral de Santiago, o Monte do Gozo ou as paisaxes únicas que nos regalan todos os camiños. 

Facedes algo especial cando rematades os camiños?

Despois de visitar a Catedral de Santiago, Mike e máis eu temos unha tradición: revisamos todas as fotos que sacamos e vamos a imprimir as máis bonitas. Despois sentámonos á sombra na Praza do Obradoiro e as pegamos no noso libro de viaxes. É un momento moi especial!! 

Onde vivides habitualmente?

Antes Mike vivía en Inglaterra, pero quedou namorado de Galicia e comprou unha pequena casiña en Vigo, moi preto da praia. Así descubrín que tamén me encanta nadar no mar! 

Gustaríache facer algunha recomendación aos nosos lectores?

Gustaríame aproveitar esta entrevista para pedirlles aos lectores que respecten aos animais e que non os abandonen, xa que é o que máis doe do mundo.

Tamén que persigan os seus soños e metas e nunca perdan a esperanza, con esforzo e constancia todo pode lograrse!