LA OPINIÓN A CORUÑA naceu co novo milenio e nestes quince anos converteuse nun dos referentes informativos desta cidade e da súa área metropolitana, grazas ao seu xornalismo rigoroso e independente e ao seu permanente compromiso cos grandes temas que afectan e interesan á cidadanía desta comarca.

O mundo cambiou moito neste tempo, pero o xornalismo segue a ser tan necesario como sempre. Tamén no eido local, onde os medios xogan, ademais do seu papel informativo, un importante rol como voceiros dunha sociedade cada vez máis esixente e plural. Hoxe, máis que nunca, precisamos medios de comunicación implicados nos problemas e realidades do noso tecido social e económico, seriamente afectado por unha crise demasiado longa e profunda, cuxos devastadores efectos tardarán aínda anos en atenuarse.

Medios veraces e honestos, que contribúan a sacar ao país desta situación transmitindo á cidadanía o moito que a sociedade coruñesa é capaz de facer, que sirvan de escaparate aos nosos emprendedores, ás ideas, ao talento e ao esforzo que milleiros de coruñeses dedican cada día a superar a crise. Medios tamén críticos e independentes, que sirvan como acicate para que as distintas administracións impulsen e coordinen medidas efectivas de apoio ao emprego, que segue a ser a principal preocupación dos cidadáns, e aos nosos sectores produtivos, promovendo ao mesmo tempo as sinerxias entre eles para aproveitar adecuadamente as numerosas potencialidades desta comarca, a primeira de Galicia en canto á xeración de riqueza.

A provincia da Coruña concentra o 39% das empresas galegas e capitaliza o 55% do total de ingresos empresariais da nosa comunidade. É, polo tanto, o auténtico motor da economía galega. É responsabilidade de todos: cidadáns, empresas, administracións, e tamén medios de comunicación, traballar unidos para poñer este motor en marcha de novo e levalo ao seu máximo rendemento.