Enrique Peñalosa, exalcalde de Bogotá, dicía nunha entrevista para The New York Times que ao preparar unha boa beirrarúa constrúese a democracia. As cidades do século XX non se deseñaron para as persoas, senón para os coches. A Coruña non é unha excepción. Se a prioridade no século XX foi facer autopistas e carreteiras, a do século XXI ten que ser a convivencia. A xente non só demanda boas casas senón hábitats, un nodo dentro da multiplicidade de redes superpostas ás que deberiamos ter a posibilidade de acceder todos: a física a temos prácticamente (electricidade,

auga, rúas, etc.), pero a económica (transporte público, mercados de traballo, entretemento) e a social (educación, cultura, seguridade, familia, amigos) aínda hai moito que traballar.

Díxoo na Coruña o urbanista Jaime Lerner, outro exalcalde: o mellor exemplo de calidade de vida é a tartaruga, porque representa vida, traballo e movemento, e ao mesmo tempo, ten o deseño e tesitura dunha estrutura urbana. A textura da cidade é como caparazón: se se rompe, a tartaruga morre. O mapa da Coruña é como

unha tartaruga que asomou a cabeza e, como tartaruga que é, debería cubrir as súas necesidades sen grandes desprazamentos. Non debemos separar as funcións dunha cidade. Dentro de quince anos os cines volverán ao centro da Coruña, como xa o están a facer as bicicletas, e os produtos locais. A sostenibilidade non haberá que teorizala, nen sobala; sinxelamente seremos conscientes de por qué abrimos unha billa ou acendemos unha luz e se precisamos facelo. Non confiaremos a nosa vida a empresas que non sexan éticas. Os deseñadores pensarán cada unha das súas accións dun xeito cíclico e non lineal, a partir de materiais reciclados ou reciclables, ou mellor aínda, reutilizables, etc.

A Coruña no 2030 traballará con e por valores, e como cidadáns actuaremos con gran conciencia da corresponsabilidade. Buscaremos a felicidade dos nenos e nenas e non a dos automóbiles. Do envexable pasarase ao admirable

e, por fin, emprendedor deixará

de ser un eufemismo para agochar a palabra empresario, palabra

que xan non teremos medo de dicir. Do contrario, eu xa me terei mudado.